Antonio Piñeiro viaxa en «Celada» ás revoltas estudantís do Santiago dos anos 70

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Avoga por crear un ciclo de actividades literarias arredor do certame Centenaria

01 may 2021 . Actualizado a las 18:58 h.

Hai tempo que está nas librarías, pero a presentación de Celada, o libro de Antonio Piñeiro gañador da sétima edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, fallado no 2019 foise pospoñendo por mor do covid ata o pasado venres, cando coincidiu co acto mensual da asociación Barbantia. No volume, o escritor viaxa ata o Santiago dos anos 70 para ambientar unha historia de amor e de intriga nas revoltas estudantís que tiveron lugar por aquel entón na cidade universitaria.

Foi o director de Xerais, Fran Alonso, o encargado de mergullar á trintena de persoas que se deron cita no auditorio ribeirense -o máximo permitido- na novela e no estilo narrativo do autor, do que anunciou un novo libro para setembro, a obra gañadora do certame Manuel Loureiro Rey promovido polo Concello do Grove. De Celada destacou a «narrativa coidada, elaborada e profundamente persoal», así como os textos «traballados, decididos e inconformistas».

Despois de comparar ao autor de Ribeira con Xela Arias, a escritora distinguida este ano co Día das Letras Galegas, por esa forma rebelde de escribir, Fran Alonso referiuse a Celada como un libro excepcional: «Piñeiro amosa unha enorme capacidade de non darlle ao lector todo mastigado nun libro que suxire, que obriga ao público a buscar o propio camiño, a pensar, a intuír».

Incidiu neste feito o propio escritor, sinalando que a novela ten varios desenlaces. Sobre o argumento, falou da importancia de Santiago: «É unha cidade icónica, que deixa pegada de por vida, por iso eu sempre a trato con mimo». E tamén da trama policial e da historia de amor que se desenvolven ao redor desas revoltas estudantís que cobran especial relevancia.

Antonio Piñeiro quixo aproveitar a súa intervención para facer fincapé na necesidade de seguir impulsando certames literarios: «Son o baluarte da nosa literatura, unha actividade necesaria, máis aínda nos tempos que corren de incerteza». E instou ao Concello de Ribeira, o promotor do concurso de novela, a dar un paso máis, aderezando o premio con outro tipo de actividades. Propuxo o deseño dun ciclo que inclúa obradoiros, iniciativas audiovisuais e mesmo partidas económicas para mercar libros nas librarías do municipio.

O escritor amosou a súa faceta de gravador, sorteando entre os asistentes unha estampa que titulou Lúa sentada e labirinto e da que dixo que ten unha relación directa con Celada: «Aparece unha rapaza sentada, símbolo da resistencia pasiva, nun labirinto que representa o Santiago dos 70».

Peche da oitava edición

A apertura do acto correspondeulle á concelleira de Cultura, María Sampedro, que lembrou que ao longo dos últimos meses estiveron chegando á casa consistorial as obras participantes nunha nova edición, a oitava, do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, da que en breve se coñecerá o gañador.

Do peche encargouse o rexedor local, Manuel Ruiz, que amosou a ledicia que lle produciu que fose Antonio Piñeiro, como ribeirense, o gañador da última edición do certame literario. Por outra banda, referiuse a Celada como un libro que lle fixo rememorar a súa época como estudante en Santiago e as protestas e movementos que alí presenciou: «Un mundo que tiñamos a uns 60 quilómetros, pero que non viamos».