Marta Neira: A rianxeira que fai bandeira da literatura

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Muller de letras por vocación, está convencida de que a lectura é un dos piares fundamentais da educación

02 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un pouco de azar, un chisco de sorte e moito esforzo converteron a Marta Neira Rodríguez (Asados-Rianxo, 1980) nunha peza clave da investigación da literatura infantil e xuvenil en Galicia, con numerosas participacións en diversos proxectos, publicacións e congresos. E tamén nas aulas, onde trata de forxar vocacións na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e inculcar o seu amor pola lectura e a literatura.

«Só é traballo», resposta cando se lle pregunta pola súa dilatada traxectoria no eido da investigación, a onde chegou un pouco por casualidade, aínda que finalmente acabou por converterse nunha vocación: «Sempre me gustaron as letras, pero ao principio non o tiña moi claro, incluso fixera a preinscrición en Dereito, pero non era o que quería e ao final optei pola Filoloxía. Xa no último ano de carreira, presenteime a unhas bolsas no Centro Ramón Piñeiro e estiven traballando no dicionario do Rexurdimento. Naquel momento Blanca-Ana Roig Rechou convidoume a colaborar nos informes de literatura e foi aí cando me metín máis na literatura infantil e xuvenil».

Tanto foi así que cambiou o tema que tiña previsto para a súa tese doutoral para encamiñalo cara a narrativa infantil e xuvenil en galego dende un punto de vista un tanto sorprendente: mulleres e Guerra Civil. Explica que a temática da muller sempre lle gustou, xa na universidade fixo algún traballo nesa liña, e elas son tamén o centro dalgunha das monografías publicadas pola rede de investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (Lijmi) que ela coordina como secretaria desta rede internacional e interdisciplinar. Esta entidade «creouse no Ramón Piñeiro. Blanca-Ana Roig vinculou a xente de distintos ámbitos, galego, castelán, catalán, portugués e vasco, e logo de Brasil, México e Arxentina. Todos os anos publicamos un monográfico, reunímonos e decidimos o tema, o próximo será sobre cuestións relacionadas co tratamento da morte. Ningunha cuestión ten por que ser un tabú».

Formar a educadores

Estas publicacións son moi específicas e están orientadas a profesionais como docentes ou bibliotecarios: «Son libros para formar mediadores de lectura, para que saiban facer recomendacións literarias axeitadas. En xeral, a formación do profesorado en literatura infantil e xuvenil é pouca, no grado de Educación Infantil hai unha materia obrigatoria dun cuadrimestre, e en Primaria nin iso. Hai moitísimos libros para escoller, na escola as recomendacións non deberían ir sempre ao mesmo, hai moitos produtos para educar literariamente, pero para ofrecelos hai que formarse e hai que ler».

E aquí a investigación entronca coa outra vocación de Marta Neira, a docencia. Actualmente é profesora na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago, e nas aulas mantén a súa particular cruzada para alimentar as vocacións de outros: «É realmente triste ver a alumnos de segundo ou terceiro que non a teñen, nin lles gustan os nenos nin lles gusta ler. Eu dígolles que é mellor que se dediquen a outra cousa».

Para ela, como muller de letras que é, a lectura é fundamental na educación, e cre que é unha eiva importante: «Hai que acostumar aos nenos a ler por gusto, non por obriga, e iso faise recomendándolles lecturas atractivas e léndolles. Pero para recomendar tes que ter formación e lecturas previas».

Fai unha defensa tamén do eido da investigación en humanidades, a miúdo desprestixiada fronte a outras disciplinas: «As humanidades e as letras sempre son as máis prexudicadas, e os parámetros que se empregan á hora de analizar as investigacións son totalmente científicos e é moi difícil publicar artigos en revistas especializadas».

Se tivera que escoller entre a docencia e a investigación teno claro: «Non escollería, son cousas distintas e as dúas me complementan e son moi vocacionais». Así que a súa idea é continuar coas clases en Ciencias da Educación -«pásoo de marabilla», asegura- e harmonizalas co labor que desenvolve no Centro Ramón Piñeiro, onde dirixe distintos proxectos, e na rede Lijmi, así como coa participación en diversos congresos. Esta mesma semana tocoulle intervir nuns encontros literarios que se celebran anualmente en distintos puntos de España e Portugal.