O viño de don José

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

BARBANZA

30 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aforza para o traballo e para dominar vontades, hai que conseguila de calquera xeito. Así, desde os tempos daquela ración de ron rebaixado con auga, que deu en chamarse grog (de aí ven o de tomarse uns grolos), ata a augardente en xenerosas doses para que os paleros e fogoneros dos barcos de vapor a carbón traballasen ata rebentar, chegamos a tempos non moi afastados, nos que as leis, tales como a ordenanza de traballo de 1969, deixaba ben claro que a bordo dos barcos habería que dispoñer de viño de maneira obrigatoria: «Habrá desayuno y dos comidas al día... Tanto en el almuerzo como en la comida, los tripulantes tendrán derecho a una ración de vino». O grog, a augardente e o viño eran as drogas polas que as xentes do mar podían sobrevivir ás duras condicións de traballo. E, falando de viño, lembro que se consumía en abundancia, naqueles bos tempos da empresa Pescanova.

O viño que nos embarcaban era de colleita propia. Disque dos viñedos que don José Fernández tiña na Granxa do Louro. Era un bo tinto e deixábase querer, e as veces máis da conta para os sesenta ou setenta tripulantes que éramos a bordo dos factorías grandes. Saiamos de Vigo cunha media de 5.000 litros de viño en garrafas ou en barrís e, xa máis tarde, enchíannos cunha cisterna uns tanques de aceiro inoxidable. Como dicía, o viño de don José tiña unha elevada graduación (diciamos que estaba encabezado), para que aguantase todo o tempo da campaña. Por elo, servíase rebaixado, botándolle un litro de auga por cada dez de viño. E aínda así contiña alcohol dabondo. Tendo en conta que algúns non bebían ou so bebían de cando en vez, tocaba a unha media de case un litro por persoa e comida, para unha campaña de seis meses, e así un día tralo outro.

Como consecuencia disto, algún alcohólico si que había. Eu recordo incluso un caso de delirium tremens que me obrigou a pechar a un bo home nun camarote o poñelo baixo vixilancia, acorde co criterio do servizo médico de Pozuelo del Rey. A través da telefonía de abordo, dábamos as constantes básicas do doente e o médico recomendaba o que tiñamos que facer. Ou sexa, algo parecido as consultas médicas que temos agora co covid.

Esta semana conmemorouse o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo. Pero como estamos tan drogados polo proceso electoral de Madrid, case ninguén se decatou, nin falta que fai. É máis importante a liberdade, é dicir, a liberdade de saber se será posible seguir bebendo cervexas nas terrazas da capital de España. Pois iso, calquera día topámonos con ordenanzas que nos obrigarán a tomar cervexas ou grolos para non ter que pensar.