Chegan novidades desde Barbanza

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Portadas dalgunhas das novidades
Portadas dalgunhas das novidades

As prolíficas plumas da comarca fanse un oco nas librarías

27 abr 2021 . Actualizado a las 21:45 h.

Barbanza foi e segue a ser terra de escritores. Proba diso é o continuo lanzamento de novas obras. Son varias as que viron a luz nos últimos meses e tamén hai un número importante de libros que están a piques de saír. Aquí van catro propostas de diferentes eidos literarios.

Nus é a proposta que presenta Manuel Gago, que colleu como punto de partida as protestas que tiveron lugar na década dos 80 en Porto do Son en favor do nudismo nas praias.

Ana Romaní presenta A desvértebra, un poemario que supón un xiro revelador na súa obra, descubrindo novas vertentes e expresións dunha autora que xa está entre as máis admiradas na poesía galega contemporánea.

Desde Boiro, Natalia Carou regresou ás librarías con O mal querer, unha novela que relata o caso dun rapaz maltratado que comete un delito e debe ingresar nun centro de menores. A obra valeulle a consecución do Premio Vilar Ponte.

E Galaxia vén de recuperar unha serie de artigos e ensaios curtos publicados en distintos xornais e revistas por Anxo Rei Ballesteros entre os anos 1979 e 2006 para darlle forma a unha nova obra: A dificultade de falar.

A lista de novidades con selo de Barbanza é moito máis longa. Antonio Piñeiro está divulgando Celada e Antón Riveiro Coello, O paraíso dos inocentes, pero os dous preparan o lanzamento de novas publicacións. Tamén o rianxeiro Xosé Luís Axeitos presentou recentemente Aproximacións a Manoel Antonio e o sonense Francisco Calo deu a coñecer Vida e traballo no mar dos galegos.

Nos andeis das librarías, os lectores tamén poden atopar obras doutras plumas de Barbanza que viron a luz hai pouco, como Los hijos del mal, do noiés José Manuel Castro; Siete días de Marta, de José Vicente Domínguez; Nada ocurrió salvo algunas cosas, de Rodrigo Brión Insua; ou O día que lle puxen lume á libraría de vello, de Pablo Fernández Barba.

E a lista de novidades non ten visos de deixar de medrar. Entre os moitos lanzamentos que se preparan está o de O rosario e a buguina, a obra coa que o rianxeiro Xosé Ricardo Losada gañou o Premio Torrente Ballester de narrativa en galego.