Superliga

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

22 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen vir a conto, a traizón, todo o mundo comezou a falar da Superliga. Chegou como un trebón de agosto, deses que se desencadean nun serán preguiceiro, monopolizan as conversas e ao cabo dunha hora desintégranse na inania dos días.

A min colleume despistado. Estaba a outra cousa e atopeime no medio desa entusiasmada discusión nos bares, nos taxis, nas redes sociais, onde todo o mundo parecía ter unha opinión de algo que eu non escoitara na vida e mesmo se me chegaba a reclamar a miña. A min! De fútbol!

O que me tranquilizou é que, como no caso das vacinas, todo o mundo falaba sen ter nin maldita idea do asunto. Xa temos práctica en remediar as lagoas: pon un fascista por aquí, un comunista por alá e un acendido posicionamento en favor dos ricos ou dos pobres, aínda que isto trate sobre os intereses cruzados de pemes e multinacionais.

Déronme gañas de opinar eu tamén insultando cordialmente ao contrario e acusándoo de calquera cousa por manter postura contraria. Case saio a manifestarme coma os inchas británicos para defender algún dereito de grada e esférico que ata agora non sabía nin que tiña.

O bo é que hoxe, cando lea esta columna, o trebón da Superliga xa terá pasado. Pode que moita xente ata dubide que tal cousa sucedera, mesmo que esquecera as fortes opinións que emitira ao respecto diante dunha caña. Como as andoriñas, volverán as vacinas a ocupar as barras dos bares e os encontros de rúa, monotema infernal. E ata acabaremos botando de menos que isto da Superliga acabara tan cedo.