O BNG pide crear unha mesa de traballo para acordar a xestión do Museo do Mar

La Voz NOIA / LA VOZ

BARBANZA

Os representantes do BNG mantiveron unha xuntanza hai uns meses coa asociación Mar de Noia
Os representantes do BNG mantiveron unha xuntanza hai uns meses coa asociación Mar de Noia CEDIDA

Os nacionalistas cuestionan que aínda non se teña convocado ningunha xuntanza

08 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A polémica que tivo no seu día a instalación dunha exposición no Museo do Mar sen contar coa participación da asociación Mar de Noia levou ao BNG a presentar unha iniciativa no Parlamento de Galicia instando a que se cumpriran os obxectivos que serviron de xustificación para obter os fondos europeos cos que se financiou a construción do inmoble. Entre eles, inclúese un modelo de co-xestión das instalacións entre o Concello e o colectivo Mar de Noia, e os nacionalistas volven insistir neste asunto para reclamar a creación dunha mesa de traballo para consensuar a xestión e planificar a musealización do edificio.

O BNG levará ao pleno municipal unha proposta neste sentido despois de que en diferentes comisións e xuntas de voceiros os distintos grupos coincidiran na necesidade de crear esa mesa de traballo, na que estarían presentes todos os partidos políticos, representantes da asociación Mar de Noia, técnicos municipais e expertos en musealización. A pesar disto, non se convocou ningunha xuntanza, e os nacionalistas piden que se faga o antes posible.