Mallou: O dúo que emerxe desde Boiro para homenaxear a Rosalía, a Narf e a Galicia

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Sabela Rey e Benxamín Vázquez veñen de lanzar as dúas primeiras cancións

02 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En momentos coma o actual, caracterizado por unha pandemia que mantén baixo mínimos o eido cultural e case paralizado por completo o sector da música, os artistas precisan seguir creando e o público demanda novos produtos para consumir, aínda que sexa a través da Rede. Por iso Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez consideraron que era o intre perfecto para lanzar un novo proxecto musical. Foi bautizado como Mallou e irrompe bebendo do country, o blues e o soul que resoan nas outras bandas ás que pertence esta parella de boirenses co propósito de exaltar a música tradicional galega.

Foi precisamente unha das grandes de Galicia, Rosalía de Catro, a que os levou a enrolarse nesta nova aventura. Sabela e Benxamín xa viñan camiñando xuntos desde facía máis dunha década en diferentes proxectos musicais, como The Lákazans e Sabela King & The Heartbreakers, cando hai catro anos foron contratados para ofrecer un concerto en homenaxe á autora de Follas novas: «Preparamos varios temas, funcionaron ben e decidimos seguir traballando nesa liña», comenta a voz feminina do dúo.

De feito, un dos dous temas que Mallou vén de lanzar como carta de presentación, Bos amores, é un texto de Rosalía de Castro musicado por Narf do que os boirenses ofrecen a súa particular versión. O compositor e cantante de Silleda falecido no 2016 é outra das fontes de inspiración da nova formación barbancesa: «Temos moita influencia del», explica Sabela Rey. Ela é a autora da outra canción que xa se pode escoitar. Leva por título Berra, xira ao redor da violencia machista e viu a luz o 8 de marzo, coincidindo co Día Mundial da Muller. Estas dúas pezas musicais compleméntanse con cadansúa proposta audiovisual

En breve, a golpe de clic, o público tamén terá acceso a No profundo, outro tema que bebe do gran Narf: «Con esta canción queremos renderlle homenaxe, porque é unha figura que deixou unha fonda pegada na música galega», apunta Sabela.

Lembranza do avó gaiteiro

Outra das pezas que encaixan neste quebracabezas musical é Xoán Bello Mallou, un mestre gaiteiro que durante máis de medio século formou parte da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos. Falecido no 2014, el era o avó de Sabela e, na súa lembranza, o dúo boirense adoptou o nome co que era coñecido a nivel artístico.

Aínda que Rosalía de Castro foi o punto de partida desta historia musical, os boirenses explican que están a traballar nun abano amplo e variado de temas, que inclúe desde unha cumbia e un blues ata versións de cancións tradicionais galegas. En tódolos casos, tal e como puntualiza Sabela, sempre «levándoas ao noso terreo, bebendo dos estilos tradicionais do outro lado do charco».

A idea que este par de veteranos artistas teñen na cabeza pasa por encerrarse proximamente no estudo para darlle forma a un traballo discográfico integrado por sete títulos, entre os que haberá tanto temas propios como versións. No punto de mira teñen o mes de decembro como límite para lanzar ao mercado o que será o primeiro disco de Mallou.

Os barbanceses recoñecen que non corren bos tempos para a lírica, pois a previsión de concertos nestes intres é bastante mala, pero comentan que dispoñen dun tempo libre que precisaban investir en algo produtivo: «Pensamos que si é un bo momento para lanzar a través das redes, pois a xente quere consumir música e se non podemos ofrecerlle directos, pois hai que aproveitar as posibilidades que nos brinda Internet».

Sabela Rey amósase confiada de cara ao verán, convencida de que a situación mellorará: «Semella que coas vacinas xa se empeza a facer a luz. Ver aos habitantes de Xibraltar sen máscara e ás cinco mil persoas que asistiron ao concerto de Love of Lesbian en Barcelona faime percibir un raio de esperanza». Eles ansían volver aos escenarios, recuperar a vida.