Víctor Barbeito: «Fomos a primeira colección arqueolóxica visitable de Galicia»

As xornadas que se organizan cada ano son referencia internacional Víctor Barbeito Pose Director do Museo Arqueolóxico de Neixón


Paso unha calorosa tarde de fin de semana con Víctor Barbeito no Centro de Interpretación Arqueolóxico de Neixón, un día no que chegan poucas visitas por mor da pandemia. Falar de Víctor é falar de Neixón e viceversa. Víctor dirixe e coordina as actividades arqueolóxicas de Neixón e da contorna, inda que non escave en todas. O Centro organiza actividades didácticas para grandes e pequenos. As Xornadas Arqueolóxicas que se fan cada ano en febreiro son de nivel internacional. É un referente en toda Galicia e un encontro impagable para todos os galegos interesados.

?Como empeza o museo e como chegas ti a el?

-Este Centro nace da segunda xeración dun proxecto que se inicia no 2000, Rede Galega de Parques Arqueolóxicos de Galicia, dos que habería un por provincia: en Ourense sobre a cultura castrexa, en Pontevedra a arte rupestre de Campolameiro, en Lugo o mundo romano, e na Coruña o neolitismo. Arredor destes, outros secundarios, que por circunstancias se acabaron antes, permitindo aproveitar esa experiencia para construír os novos. Un destes foi o noso. E eu chego de casualidade en 2006, para cubrir unha baixa. Fóronse prorrogando os contratos e xa van 15 anos.

?De centro de interpretación a museo.

-Isto empezou coma centro de interpretación, coma outros, que foron quedando un pouco afastados da realidade. Entón pensouse que era mellor facer un museo de sitio porque, doutro xeito, os restos atopados nestas escavacións tiñan que estar por lei no Museo de San Antón. Pedimos logo a musealización do edificio. Fomos a primeira colección arqueolóxica visitable que se creou en Galicia, no 2011. Somos o centro depositario de todos os restos atopados na comarca do Barbanza. Outros centros deste tipo son o Castelo de San Antón e o Museo das Peregrinacións, onde se gardan os restos atopados no Camiño.

?Cando empezaron os traballos en Neixón?

-Desde 1996 decídese recuperar a zona arqueolóxica -as primeiras escavacións foron feitas no 1925 polos pais da arqueoloxía galega, Fermín Bouza Brey e Florentino López Cuevillas -. Retomáronse nos anos 80, pero a zona foise convertendo nun vertedoiro de lixo, ata que se fixo o edificio en 1996 e se inaugurou en 2002. Fixéronse campos de traballo para a xuventude e, no 2008, para alumnado de humanidades, futuros arqueólogos, ata 2018, que foi o último.

?Que se expón no museo?

-A sala que temos dispoñible fala só da historia de Neixón. Temos feito moitos talleres para escolares, pero compren máis, e estudar máis etapas, desde as primeiras ocupacións ata a arqueoloxía industrial. Desde a prehistoria recente ata a época altomedieval está ben estandarizada, e iso permite facer un discurso moi rico. A medio e longo prazo sería interesante finalizar o proxecto de 2010 e facer o museo comarcal.

?En que consiste basicamente o teu traballo?

-O importante son os 33 depósitos de materiais arqueolóxicos, coma os do Castro da Cidade ou os das recentes escavacións do Castro de Baroña. Hai que facer dúas fotos de cada peza, inventariar, pasalas a unha base de datos e comunicarllo á Administración autonómica e ao responsable das escavacións, pois eses materiais quedan aquí a disposición dos investigadores. Dispoño dun día á semana para isto. Almacenamos os materiais, algúns moi importantes, coma restos humanos de tres persoas de época tardío-antiga que apareceron en Rianxo en 2013. Un deles posiblemente dunha nena de entre 9 e 13 anos. É excepcional polo estado de conservación dos ósos.

?Menudas xornadas arqueolóxicas organizades!

-Empezamos no 2007. Logo viñeron Calo Lourido, Tito Concheiro, Ana Filgueira, e varios arqueólogos máis, que traballaran polo Barbanza. Falaron dos traballos que eles e outros tiñan feito aquí nos últimos 40 anos. O ano seguinte convidamos xente doutros puntos de Galicia e fomos indo a máis. Eu son a cara visible pero traballa moita xente. O coordinador é Maneiro, pero a alma máter é Ramón Fábregas Valcarce, catedrático de Arqueoloxía da USC, con contactos a nivel estatal e internacional. Iso fai posible que veñan a Boiro arqueólogos de todas as partes de España, coma Eudald Carbonell, e do estranxeiro, coma os británicos Richard Bradley, Nicholas Márquez-Grant, Alison Sheridan, ou Michael Barton, profesor da Arizona State University. Unha actividade custosa e traballosa. Contamos coa implicación do Concello de Boiro, pero sería bo que as outras administracións apoiasen máis. Falamos de investir en cultura, non en divertimento. No 2020 no se fixeron as xornadas a causa do covid, e no 2021 seguimos igual. Agardamos poder retomalas o antes posible. Os asiduos estamos ansiosos!

De camareiro a arqueólogo

 

Víctor Barbeito nace en 1978 en Taragoña, onde cursa Secundaria. Estuda Historia por unha carambola, e especialízase en Prehistoria e Arqueoloxía. Antes de rematar accedeu ao mundo profesional, e gustou del. Logo compaxinou o traballo de camareiro coa arqueoloxía. Tras unha baixa por accidente de tráfico, aproveitou para facer o doutoramento. Desde o 2000 ata o 2003, co boom da construción, hai moito traballo de arqueoloxía preventiva, o que lle permitiu pór en práctica o aprendido e seguir aprendendo.

Barbeito lémbranos que hai dous tipos de arqueoloxía: a de investigación e a de xestión; esta é máis urxente. Vivimos nunha zona ocupada miles de anos e hai moitos restos; e todos, por desgraza, non se poden salvar. Ante unha obra pública de interese xeral (autovías, viadutos…) hai que dar prioridades á hora de destruír. «A de investigación é outra cousa. Nun proxecto de I+D, de 2015 a 2018, puidemos aclarar moitas dúbidas».

Despois dun tempo no Museo e facer visitas guiadas decatouse de que os visitantes coñecían Baroña e Neixón, pero superficialmente. Comentou a posibilidade de levar alí persoas que traballasen nestes xacementos. Logo, despois de visitar lugares importantes de Galicia, alguén lle propuxo visitar xacementos fóra, algo que realizou a Asociación de Amigos do Museo de Neixón.

Mal coidados

O director do Museo de Neixón coida que os xacementos non están ben coidados na zona. Tanto Baroña coma o dolmen de Axeitos reciben moita xente todo o ano, sen que un guía explique e enriqueza as visitas por un prezo asumible. E evitar que se utilicen nestes lugares as motos.

Tamén pensa que os museos deberían abrir na fin de semana. En xeral, abren de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. É difícil que a xente os visite, e son os que reciben maior subvención. Neixón abre tamén sábados e domingos, mañá e tarde, para dar alternativas de ocio fóra das grandes superficies.

Ademais de Neixón o seu interese está centrado nas escavacións de Rianxo, a súa casa. Gustaríalle chegar a coñecer onde empezaron os asentamentos humanos nos núcleos de poboación rianxeiros. Fóra gustaría de visitar as culturas centroamericanas, pero sen traballar nas escavacións. Só coñecelas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Víctor Barbeito: «Fomos a primeira colección arqueolóxica visitable de Galicia»