O areal foi o escenario elixido por Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre para a rodaxe do vídeo do tema Illas de Sal
24 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.
Son sete quilómetros de areal e un entorno salvaxe que ben merecen un recoñecemento pola súa beleza. De feito, a praia de Carnota foi o escenario elixido por Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre para a rodaxe do vídeo do tema Illas de Sal. Un ano despois da gravación, o traballo foi seleccionado como finalista para os Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual na categoría de mellor videoclip. A noticia foi recibida con ledicia no Concello carnotán, conscientes de que contribuirá a incrementar a gran sona que xa ten a paraxe. Desde o executivo local mesmo sinalaron que confían en que a praia lle traia moita sorte a Xabier Díaz e ao seu equipo.
O videoclip foi gravado na zona de Boca do Río e estreado o 7 de maio do 2020, chegando case ás 53.000 visualizacións en YouTube. Protagonizado pola novísima bailadora Sofía Souto, a cinta fai un percorrido por dous enclaves emblemáticos do municipio, como son o propio areal e o monte Pindo. As espectaculares imaxes combinan á perfección a danza de Souto coas ondas do mar carnotán, fusionándose perfectamente co movemento case hipnótico da rapaza e cun paraxe que fala por si mesmo.
Un escenario que, en palabras do músico Xabier Díaz, «empezouse a construír hai moitísimo tempo da man da natureza, aos poucos e modelado polo propio mar e o vento». Engadiu que confía en que a selección do traballo para a final dos Mestre Mateo sirva para gozar aínda máis desta paraxe, valorala e conservala.