Andy da Fonte: O futuro da poesía de Barbanza que chega pisando forte desde A Pobra

BARBANZA

MARCOS CREO

Ten 18 anos, un libro autopublicado e un feixe de premios logrados por toda Galicia

24 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Barbanza foi o berce de grandes escritores que deixaron unha pegada fonda na historia da literatura galega, pero aínda hoxe segue a ser un fervedoiro no eido cultural. Así o demostran mozas como Andrea San Xurxo, unha pobrense que aos seus 18 anos xa ten á venda un libro e conta con máis dunha ducia de premios conseguidos por toda Galicia. Ela forma parte dunha nova xeración de escritores que chegan pisando forte.

Aqueles que aínda non a coñezan xa poden ir retendo un nome, Andy da Fonte, que é co que asina os seus poemas: «Andy gústame moito foneticamente e tamén é como se refería a min a persoa á que lle dediquei o poema co que gañei o primeiro certame. Da Fonte é unha homenaxe á miña avoa, que morreu cando eu tiña 12 anos, pois era como se coñecía a súa casa, en Foz».

Podería dicirse que Andy da Fonte escribe desde sempre, aínda que non foi ata os últimos cursos de Primaria cando as súas letras cobraron forma de poemas. Cando deu o salto ao instituto obtivo tamén o seu primeiro galardón, ao resultar gañadora do certame promovido polo Concello de Ames, e xa non parou. Mesmo foi galardoada catro anos seguidos no concurso escolar que promove a Fundación Rosalía de Castro, xerándose unha conexión que a levou a participar no 2019 nas xornadas Abride a fiestra cunha intervención poética, na que estivo acompañada do seu amigo Fabián Niño, tamén poeta.

Pero foi o certame da asociación Albariza de Artes o que lle deu o pulo definitivo. A moza pobrense gañou tres anos consecutivos o concurso, o que levou ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, a propoñerlle a publicación dun poemario co apoio do Concello. «Decidín seleccionar algúns poemas que tiña, elixir unha liña narrativa e escribir outros novos», explicou a poetisa. Daquela saíron á luz 300 exemplares e cando se esgotaron, Andy da Fonte viu a oportunidade perfecta para unha reedición, en forma de publicación propia, na que introduciu pequenos cambios. Lanzou 100 volumes de Memoria dunha estrela sen luz e agora xa están imprimindo outros tantos.

O libro é, como a súa autora o define, «unha viaxe da luz poética, que comeza moi mergullada nos tormentos e vai evolucionando e rebelándose contra todo o que lle ocorre, vai tornándose una voz máis guerrilleira». Engade que luz e escuridade funcionan, nesta obra, como personaxes que van evolucionando ao longo do poemario.

Guerrilleira poética

Aínda que ten algúns textos escritos en formato prosa, a pobrense confesa que a poesía é a súa paixón: «É algo que se atopa en todo lugar, arredor de nós, é un organismo vivo e universal que apenas coñecemos e que non sabemos escoitar. A través da escrita poética podemos conquistar planos non alcanzables, mergullarnos no que sentimos e non sabiamos que estaba aí». Ela recoñécese como unha guerrilleira poética, que recorre á arte para rebelarse, para buscar unha saída.

Confesa que está traballando na preparación de dous novos poemarios, aínda que prefire manter polo de agora en segredo os detalles. Si avanza que un deles é un fotolibro, que en breve terá listo para a súa publicación. Aos seus 18 anos, Andy da Fonte xa ten claro que a literatura é o seu mundo, aínda que tamén está moi ligada ás artes gráficas, ao sector audiovisual e á fotografía: «Gústame facer proxectos multidisciplinares, nos que se conecten diferentes eidos». Agora cursa segundo de Bacharelato de Artes no IES de Sar compostelá e a súa idea é acceder ao grao de Comunicación Audiovisual.

Mentres, pretende seguir escribindo e publicando, para o que non descarta buscar a axuda dunha editorial: «Nesta ocasión, como carta de presentación, quixen facer unha edición que fora completamente miña, persoal, pero no futuro si que buscarei unha editorial».