Falece Isabel a do Bocacho, o gran piar dun establecemento hostaleiro mítico de Boiro

isabel rebollido

BARBANZA

Isabel Dieste García
Isabel Dieste García CEDIDA

Quedan para a historia os callos e o xamón que aínda prepara a súa filla no local hostaleiro e o xeito de coidar e educar que levan os seus fillos profesores

08 mar 2021 . Actualizado a las 11:34 h.

Fai 84 anos nacíase na casa, con pouca ou ningunha asistencia médica. En plena Guerra Civil, e con veciños perseguidos nos montes, naceu Isabel do Bocacho. Nunha casa rural, aínda que dera curas e poetas, as opcións de vida non eran moitas, e nacendo muller, aínda menos. Isabel aprendeu a coser (e máis moi ben) e os labores de ama de casa. Casou cun veciño de moita labia e pouca estatura, e cos aforros de ir a navegar, montaron xuntos un bar e un nome que atravesa xeracións: O Bocacho.

Manolo era moi ben coñecido e querido en Boiro, sempre que estivo na súa man axudar, festexar ou acompañar, estaba aí para os seus veciños. Pero Isabel non estaba. Isabel estaba embarazada ou coidando dos rapaces, xa foran fillos ou netos. Estaba limpando na casa e no bar, cociñando para a familia ou para os clientes. Cosendo e tecendo roupa para os fillos, que despois habían pasar entre eles. Isabel estaba sufrindo as carencias dun sistema sanitario inmaturo, que non podía tratar males que hoxe son case inexistentes. Fixo todo isto sendo un exemplo de portas a dentro, acompañante dun home de éxito, unha muller normal.

Isabel morreu o 7 de marzo, véspera do día da muller traballadora, como última ironía da falta de recoñecemento, sen celebracións nin fanfarrias, sen facer ruído, sen conversas sobre ela nos bares ou nos bancos da rúa.

Quedan para a historia os callos e o xamón que aínda prepara a súa filla no local hostaleiro, o xeito de coidar e educar que levan os seus fillos profesores. O seu legado pasa a modo na seguinte xeración, que aprende a coser, a cociñar, a coidar igual que facía ela.

O Bar Bocacho quedará, co tempo, como o bar de Manolo, pero a casa, a casa é dela.