Un lugar para a meditación

román arén

BARBANZA

Cedida

27 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nova entrega poética de Martín Veiga, que pode sorprender por ir contracorrente da poesía galega de hoxe, máis hermética e inefable. O poemario amosa a dualidade de toda existencia, a perda e a ganancia, na que o eu lírico fai balance, mira atrás, e nunha mensaxe clarificadora amosa a súa crenza na vida, pois a poesía crea a marabilla ilusoria de que o que perdemos volta: «Atrás ficaron os fastos da desolación».

Poesía meditativa, que parte da experiencia vital sen caer no biografismo. A lembranza, o recordo das paisaxes vividas, o clasicismo sosegado e o amor son os motivos centrais deste poemario de Martín Veiga.

Unha ficción entre as raíces anglosaxonas e galegas, en referencias e paisaxes, achega o risco característico do poeta. Porque a meditación, grave, chega ao cumio na esperanza, no gozo pola vida, na ledicia pola nova filla, «contra a perda, para erixir os alicerces / cálidos do riso e edificar a cordial / transmisión dos latexos da ganancia / neste ámbito ameno onde escintilea o amor».

Artesanía lírica nos recursos, no ton de vagar, no ritmo para amosar «estampas dun tempo que xa non me pertence / mais que regresa fiel, familiar e cálido…»

«A ganancia e a perda»

Martín Veiga

Kalandraka (Tambo, 2020)

97 páxinas