Castelao segue a derrubar fronteiras

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Arredor de vinte colectivos dos dous lados do Atlántico reuníronse arredor da figura do rianxeiro para conmemorar o 135 aniversario do seu nacemento

31 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A vontade de lembrar e celebrar a figura de Castelao impúxose ás dificultades e, a pesares da pandemia, o Partido Galeguista logrou reunir uns vinte partidos políticos e colectivos sociais arredor da figura do intelectual por obra e graza das novas tecnoloxías. Non foron poucas as alusións á histórica xuntanza vía YouTube de colectivos que admiran as distintas facetas do irmán Daniel, nin as mencións a como se admiraría o propio Castelao se puidera ver a persoas intercambiando impresións desde distintos puntos de Galicia, o País Vasco e mesmo Arxentina, derrubando as fronteiras xeográficas.

O papel político do rianxeiro, tanto na súa terra como no exilio, e a súa influencia no presente e no futuro do país foi o fío condutor das intervencións, porén, tamén houbo lugar para falar de outros dos aspectos que definiron a súa traxectoria. Con todo, houbo un que, neste contexto de pandemia, adoita pasar desapercibido e que este ano gañou protagonismo. Foi Francisco López, Chesqui, secretario xeral do Partido Galeguista, o primeiro en mencionar esta cuestión: «Quixera falar da parte máis humana do pai da patria, do Castelao médico, que cando xa estaba traballando en Pontevedra pediu permiso e recomendación para volver a Rianxo para exercer como médico na pandemia da gripe en 1918. En Rianxo houbo máis de 500 persoas afectadas e Castelao estivo alí».

Estaba previsto que o acto para conmemorar o 135 aniversario do galeguista rianxeiro tivera lugar na súa vila. A situación sanitaria impediuno, pero o rexedor de Rianxo, Adolfo Muíños, actuou igualmente como anfitrión. Acompañado polo exalcalde socialista Xosé Bravo, nunha mostra máis da capacidade de Castelao para aglutinar sensibilidades arredor de si, interveu para lembrar que o intelectual «é unha figura que traspasa os tempos, unha figura presente que nos xunta e nos reúne aínda que sexa con todas as dificultades».

Totalmente vixente

Ao longo das dúas horas que durou o acto, foron moitas as intervencións nas que se trouxo ao presente o pensamento de Castelao, desde o presidente do Partido Galeguista, Xesús Manuel Suárez, asegurando que «temos que manter vivo o secular cerne da nosa identidade, pero temos que actualizar o noso discurso, a nosa imaxe e as nosas ideas para definir que significa ser nacionalista no século XXI; á deputada barbancesa do BNG, Rosana Pérez, que asegurou que Castelao é unha figura fundamental da historia de Galicia e que «el e a súa obra seguen plenamente vixentes e queremos reivindicala na nosa acción política».

Antón Sánchez, de Anova, destacou a súa sensibilidade ante as inxustizas e a súa aposta de unidade contra o fascismo, tan necesaria hoxe en día; mentres que Davide Rodríguez, exdeputado e membro da Asemblea Nacionalista do Macizo Central, concluíu: «Non se entende Galiza sen Castelao».

Ben directamente o ben por carta, tamén se sumaron ao recordo do pai do galeguismo representantes das fundacións dedicadas ao propio Castelao -na voz do seu vicepresidente, Miguel Anxo Seixas-, Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Blanco Amor, Antón Losada, Filgueira Valverde e Suárez Picallo. Con todo, nesta homenaxe, tiveron unha presenza fundamental os colectivos na diáspora para pór en valor o labor do pai do galeguismo no exilio. A participación de entidades como o Centro Galego de Bos Aires deu a oportunidade a quen seguiu o acto de facer un percorrido pola habitación do hospital onde «Castelao se fixo inmortal», como sinalou o presidente deste colectivo, Ramón Suárez, que mostrou a cama na que o intelectual rianxeiro deu o seu último alento, hoxe convertida en museo.

E para rematar, tampouco faltaron as referencias á irmandade do nacionalismo galego co catalán e o vasco. Por parte do PNV, responderon á convocatoria o senador Inmanol Laura Jáuregui e Iñaki Anasagasti.