A asemblea de Barbantia deu luz verde a unha programación para o 2021 condicionada polo covid

De manterse as retricións, as presentacións literarias retransmitiranse por Internet


Ribeira / La Voz

A Asociación Cultural Barbantia veuse na obriga de suspender practicamente no último momento o acto que tiña previsto para este venres en Rianxo, a presentación de Aproximacións a Manoel Antonio, obra de Xosé Luís Axeitos, que se adía a unha nova data aínda por determinar. O que non impediu a situación sanitaria foi que o colectivo levase a cabo, de xeito telemático, a súa asemblea xeral, na que se deu luz verde á programación deste ano, condicionada irremediablemente polo covid.

A pandemia obrigou a facer algúns cambios na planificación que estaba prevista, engadindo algunhas actividades novas -como a Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño, retrasada ata febreiro- e eliminando outras da programación, mentres que tamén hai propostas que están condicionadas á evolución da situación sanitaria. É o caso, por exemplo, da colaboración de Barbantia con outras iniciativas culturais, como pode ser o Premio Barraña Negra de Xénero Policial, organizado polo IES Praia Barraña e o Concello de Boiro, que é posible que se pospoña ata o 2022.

Outras actividades previstas son Encontro de Poesía e Música no Barbanza, con grandes figuras da literatura galega e comarcal, e presentacións de libros como Vida e traballo no mar dos galegos, de Francisco Calo Lourido; Celada, de Antonio Piñeiro; Donos de seu. Loitas, arelas e froitos da xente do mar de Porto do Son (1580-1830), de José Manuel Vázquez Lijó; ou Unha tirada de dados, de Manuel Cartea.

Emisións en directo

En vista de que parece que a situación de emerxencia ten visos de prolongarse, na asemblea tamén se falou de posibles alternativas, e unha das opcións que se baralla é que, de manterse as restricións, as presentacións de Barbantia realizaranse sen público e serán retransmitidas vía streaming a través da canle de YouTube da entidade e en directo na Televisión de Barbanza.

Neste sentido, tomouse outro acordo co obxectivo de renovar as canles de difusión da entidade en Internet. A proposta consiste na remodelación tanto da páxina web coma do blog cafebarbantia.barbantia.es co obxectivo de actualizalos e facelos máis atractivos. Ademais, está prevista a realización dun vídeo divulgativo sobre a entidade e a entidade que desenvolve para a súa difusión a través de YouTube. Este aspecto considérase fundamental como ferramenta nun momento no que a situación sanitaria obriga a organizar actividades virtuais.

Novos Sereos

Nas últimas edicións dos Premios Barbantia, os Sereos que recibiron os galardoados eran obra de Sargadelos, pero a tirada existente destas pezas rematouse e abriuse a porta a un cambio na imaxe das icónicas figuras.

Non se descarta reeditar a escultura de Sargadelos, pero na asemblea do venres aprobouse outra opción, que é a de buscar algún artista barbancés que elabore unha proposta.

Por outra banda, está previsto que Barbantia participe, xunto coa asociación Apadrigal e a mancomunidade Barbanza Arousa, na edición dun libro sobre o patrimonio dos catro municipios de Arousa norte.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A asemblea de Barbantia deu luz verde a unha programación para o 2021 condicionada polo covid