Baio e Baíñas, nomes con color

ISABEL SANTOSPASTOR RODRÍGUEZ

BARBANZA

30 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xeograficamente, Baio e Baíñas están bastante próximos. Etimoloxicamente, tamén. Vexamos.

Malia que o padre Sarmiento relacionou o topónimo Baíñas con Baños e Baliñas, do latín vulgar *BANEUM «baño», dende o punto de vista formal e simplificando ao máximo, parece pouco probábel esta orixe.

Existe unha raíz indoeuropea *BADIOS «de cor dourada, castaño» que en latín deixa BADIUS, ou mesmo BADUSIUS, antropónimos os dous, e en antigo irlandés buide «marrón, dourado». Pola orografía da zona, a alusión cromática do dourado e acastañado parece bastante axeitada, tal como existen outros topónimos na nosa xeografía que indican cor: Outeiro Roxo, Rubiás, Monte Branco etc. Nos dous existe a síncope do -D-, pero en Baíñas temos que supoñer un *TERRAS BADINEAS para xustificar o plural.

Baio, no concello de Zas, e Baíñas, no de Vimianzo, pertencen á mesma comarca, que descubrín nos meus primeiros banzos como docente, hai case trinta anos, entre as brétemas dun mes de xaneiro (menos frío ca este, en todos os sentidos), pero co agarimo dourado das súas xentes, de seseo e bondade esaxerados.