«Todos queremos un mundo mellor para as nosas crianzas»

Vén de vivir un 2020 de contrastes no que gañou varios premiosPatricia Torrado Queiruga Escritora


Estou con Patricia Torrado nunha mañá de xaneiro de cru inverno. Quenta esas mans que escriben versos na cunca negra do café. Fóra chove e as pingueiras debuxan o trazado da entrevista que vai comezar. Tras dos ollos dunha muller nova agóchase sen dúbida a afouteza de quen quixo medrar axiña para deixar de ser cativa.

?Como te sentes como convidada?

-Estraña, sobre todo porque en 2009 fun eu quen te entrevistou a ti nesta mesma sección.

?O 2020 foi un ano importante para ti, no que chegaron ás túas mans varios premios. Agardábalos?

-Se partimos de que Galiza é unha nación moi vizosa na escrita, de que a publicación se non é por medio de premios é algo complicada, non os agardaba; se ben unha se presenta aos certames con ilusión nunca cre que poidan recaer nela os premios. Aínda que teño que recoñecer que son un enorme impulso e ledicia.

?Lembras cando foi a primeira vez que escribiches algo para un certame?

-Si, foi para o certame literario do Día das Letras Galegas que se celebraba en Porto do Son, no que participabamos escolares dos diferentes centros do concello. En sexto de primaria estabamos aprendendo a métrica, a rima, as figuras poéticas do profesor Xosé Manuel Vidal Santiago quen, en canto leu o texto, dixo: «Isto ten que ser de premio». E dende entón.

?Que xénero literario prefires?

-Todos, non hai ningún que me desguste. Lembro que os primeiros libros que lin por vontade propia foron: Os dous de sempre, de Castelao, Romeo e Xulieta, de Shakespeare, e un libro sobre expedicións a África e Oceanía que herdaramos de non sei quen, no verán dos meus 11 anos.

?Por que en moitos dos teus textos abordas o feminismo con tanto entusiasmo?

-Verás, cando arribas a este mundo non es consciente de que, polo mero feito de ser muller, vas ter que sobreporte a unha manchea de prexuízos, estereotipos e roles que a sociedade patriarcal artellou para ti antes de existires, pero así é. Hai uns meses entrei a comentar cun coñecido un texto que gardo nun caixón marcadamente feminista e reivindicativo, e a súa consideración persoal foi ollarme con condescendencia e dicirme: «Patri, xa non fai falla escribir sobre feminismo, o feminismo está moi superado». E faleille de coidados, de teitos de cristal, dos salarios, da desigualdade, mais non sei se chegou a entendelo. O que demostra que non é así e me leva a aquilo que dicía Simone de Beauvoir: «Non esquezades nunca que abondará cunha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres se cuestionen. Estes dereitos nunca son adquiridos. Deberedes permanecer alerta toda a vosa vida». Así mesmo, no primeiro artigo que fixen para a sección de historia desta Voz de Barbantia, houbo a quen lle chamou a atención, e así mo fixo saber, que se falase de mulleres. Como se demostra día a día, queda moito por loitar.

?Desde as últimas eleccións municipais es concelleira do BNG sonense. Que significou este paso para ti?

-Unha implicación persoal e de cheo nun proxecto de nación no que creo firmemente, reivindicando o que é noso por dereito, cultura, traballo, riqueza e territorio.

?De que gozas máis, da política, da escrita ou da maternidade?

-A maternidade está no fondo das outras dúas, todos queremos un mundo mellor para as nosas crianzas. As tres son xa parte irrenunciable da miña vida.

?Ti que fuches editora, como ves o futuro da edición?

-É un futuro incerto e complicado. A edición en galego chegou a ser, en moitos casos, unha sorte de autoedición, sen filtros, descarnada; na que ti es a primeira persoa que ten que crer na túa obra, que parila ao mundo. As editoriais ás veces son unha sorte de parteiras pero, quen che axuda a aleitar a criatura? Quedan poucas editoriais que aposten por xente que acaba de chegar á escrita, é moito máis efectivo acubillar xente consagrada. Por unha banda, son escasas as que se arremangan, cren nun proxecto e te axudan a sacalo adiante. Pola outra, non podemos esquecer que segue léndose pouco en xeral, e pouco en galego.

?Que significou o confinamento na túa vida?

-Os primeiros días de parón total foron como unhas minivacacións, un frear en seco para tomar aire, para tomar terra. Logo pensei rubir polas paredes. Propúxenme volver á ilustración e conformei un proxecto para difundir nas redes chamado Bolboretario do confinamento. Cada día unha acuarela dunha bolboreta, un obxecto inanimado e antigo e uns versos que os complementasen. Tamén lin moito e escoitei moita e boa música.

?Á parte de escribir e da política, que outras cousas che gustan?

?O sorriso do meu fillo, bailar, a lectura, a fotografía, o chocolate, un bo albariño, o cheiriño a café pola mañá, a música en directo, chorar da risa, pasear e gozar da compaña das amigas e dos amigos e da parella, e viaxar.

Gardiá do gusto pola escrita

Patricia Torrado, natural da Arnela, na parroquia de Baroña (Porto do Son). Colleita do 1987, gozou do agarimo dos seus avós que marcaron fondamente o seu carácter.

Aínda que lle tivese gustado estudar Publicidade e Relacións Públicas ou Belas Artes acabou licenciándose en Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Unha cidade que, ademais de choiva e arte, lle abriu o camiño do goce cultural, o teatro, a música, a pintura… Nomes propios adobiaban as noites no Dado Dadá, coma o do pianista Abe Rábade; tardes de risas na Casa das Crechas co pintor ourensán Rafael Cachaldora, mañás de cafés logo das clases dos antropólogos Mariño Ferro, Marcial Gondar e Rafael Martínez, acalmando a curiosidade desta muller feita a si mesma.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Todos queremos un mundo mellor para as nosas crianzas»