Lembranzas de Cobelo

encarna pego

BARBANZA

CEDIDA

30 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Todas as cousas da infancia, grandes ao meu ollo de nena, semellan agora minguadas. Non sucede así co olmo que fun visitar a Cobelo despois de varias décadas. Agardaba a miña visita. Recibiume gallardo e riseiro. A súa ledicia era tan intensa coma a miña emoción.

Mentres eu lembraba os xogos coa auga cando ía coa tía Carme á fonte, ou pensaba nas veces que pasou por alí miña nai coa bañeira de zinc na cabeza, o olmo amosoume as feridas do seu groso tronco e recoñecín o seu irmán que, fronte a el, eu non recordaba.

A fonte de Cobelo, flanqueada polos olmos, era moi concorrida por mulleres con caldeiros polo día, e lugar de segredos e promesas pola noite. Agora está anovada con asento e escaleiras de pedra e varanda de metal. Hai no arredor uns bancos de madeira co nome da escola-obradoiro que restaurou o recinto.

Os olmos teñen, polo menos, outro irmán uns metros máis abaixo, que se ve máis esvelto. Confortoume ver que non están sos.

A carón hai varios carballos, que os arroupan coa súa danza abaneados polo vento, facendo máis levadeira a soidade da fonte desde que chega a auga á billa das nosas casas.

Volverei de cando en cando polos camiños da infancia, para acariñar outra vez as árbores que me permiten seguir sendo aquela nena.