Lonxe queda xa o ano 1987, cando Ana Romaní publicou Palabra de mar, o seu primeiro poemario, de temática amorosa e cheo de símbolos, que logo iría depurando. Entre Das últimas mareas (1994) e Arden (1988) a súa poética faise máis sutil, máis aforística, co mar sempre presente, cun gran peso do feminismo e xa do metaliterario. O paso do tempo, a simboloxía marítima, a poesía como coñecemento.
E despois, de Love me tender (2005) a Estremas (2010) foi, a súa poesía facéndose máis densa, foi creando un territorio máis complexo, con forte carga da ironía e irreverencia, que chega agora ao seu cumio en A desvértebra (2020), no que «aquí todo é memoria que esquece / po de algo que nun tempo amamos». Todo está a caer no abismo, nas orografías imprevistas, xa que «somos esa pira / que o vento varre / unha e outra vez».
O léxico poético, duro, está centrado no ermo, no oco, no medo, no cerco, na dor, no inhóspito: «o estrondo do baleiro». Poesía contra o «código correcto» que apalpa «por se houber un claro». O eu lírico chega a ser «o anel que cerca o oco / por veces o oco mesmo». E o paso do tempo segue aí: «habitamos a rocha e o seu interior poroso / dentro sen urxencia obsérvanos o tempo». E malia todo «asomará reticular a vida en alianzas…».
«A desvértebra»
Ana Romaní
Chan de Pólvora (A Coruña, 2020)
78 páxinas