Castelao reúne ás forzas políticas e sociais

BARBANZA

MARCOS CREO

Convocadas polo Partido Galeguista, unha vintena de entidades analizarán o traballo do intelectual tanto en Galicia como no exilio, nunha xornada que nesta ocasión será virtual

27 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña previsto o Partido Galeguista realizar o sábado en Rianxo un novo encontro de forzas políticas e asociacións ao redor da figura de Castelao, coincidindo co aniversario do seu nacemento, pero as novas restricións motivadas pola pandemia impiden a posibilidade de celebrar a actividade tal e como estaba prevista. Aínda así, a formación decidiu manter o faladoiro, que se levará a cabo de forma telemática e poderá seguirse a través de YouTube.

Está previsto que comece sobre as 13.00 horas e xirará ao redor de tres do traballo que desenvolveu o intelectual rianxeiro en Galicia, pero tamén do que levou a cabo no exilio. Intervirán, por unha banda, representantes de formacións políticas vinculadas a Galicia, como BNG, Compromiso por Galicia, Espazo Común, Anova e o propio Partido Galeguista. O seu secretario xeral, Francisco López, Chesqui, adiantou que, entre os temas que tocará figura a faceta de médico do homenaxeado, que no 1918 se trasladou a Rianxo para axudar a frear a epidemia de gripe.

Desde diversos puntos de Galicia conectaranse representantes das fundacións dedicadas a Castelao, Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Blanco Amor, Antón Losada, Filgueira Valderde e Suárez Picallo, entre outras. E, desde o outro lado do océano Atlántico chegarán as opinións de entidades como a Federación de Asociacións Republicanas na Arxentina, o Centro Galego, o Centro de Galicia ou a agrupación Xeito Novo.

Tamén está prevista a participación desde o País Vasco do que fora voceiro do PNV no Congreso Iñaki Anasagasti, autor dun libro sobre Castelao no que se analizan, entre outras cuestións, o seu traballo no exilio.

A intención do Partido Galeguista era levar a cabo, antes deste faladoiro, unha ofrenda floral diante do busto de Castelao situado no Paseo da Ribeira, contando co rexedor local, Adolfo Muíños, e cos seus antecesores Bravo Frieiro e Pedro Piñeiro, así como co actor Suso Martínez, que encarnaría ao homenaxeado.

Esta actividade foi suspendida. O rexedor rianxeiro si intervirá no coloquio ao redor da figura de Castelao desde a casa consistorial.