A Asociación de Periodistas de Santiago renderalle homenaxe ao pobrense Victoriano García Martí

La Voz LA VOZ / RIBEIRA

BARBANZA

cedida

O escritor foi o promotor do primeiro Congreso da Prensa de Galicia

24 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor pobrense Victoriano García Martí (1881-1966), unha das figuras claves do pensamento europeo na primeira metade do século XX, será homenaxeado proximamente pola Asociación de Periodistas de Santiago. A xunta directiva da entidade vén de anuncialo, ao tempo que deu a coñecer a decisión de aprazar, debido á pandemia, os actos para a celebración do día do patrón San Francisco de Sales, que se conmemora hoxe.

Ademais do inxente traballo intelectual que desenvolveu o barbancés nas súas facetas de xornalista, escritor, xurista, ensaísta, filósofo e editor, a asociación esgrime, como argumento para a súa elección, o seu labor como promotor do primeiro Congreso da Prensa de Galicia, celebrado no ano 1921 no Paraninfo da Universidade de Compostela, acontecemento do que se cumpre o seu centenario.

A nivel xornalístico, o pobrense desenvolveu o seu traballo en numerosas publicacións, entre as que figura La Voz de Galicia, ao tempo que asinaba numerosos libros en castelán dedicados a Galicia como Una punta de Europa ou Don Severo Carballo. Del alma gallega. Foi profeta do chamado turismo literario, valorando a Galicia desde unha perspectiva de difusión internacional.

Da súa faceta de editor, desde a Asociación de Periodistas de Santiago destacan a publicación das obras completas de Rosalía de Castro no 1944. A nivel intelectual, a entidade fai referencia á estreita relación que García Martí mantivo con pensadores como Miguel de Unamuno ou Manuel Azaña, ao tempo que lembra que foi discípulo na Universidade da Sorbona de París de Henri Bergson e Émile Durkheim.

Recoñecementos

Da súa traxectoria, o colectivo de xornalistas tamén destaca o cargo de secretario que o pobrense ocupou no Ateneo de Madrid baixo a presidencia de Menéndez Pidal, Conde de Romanones e Ramón María del Valle-Inclán, do que era amigo persoal; así como o seu ingreso na Real Academia Galega e mesmo na española, da que chegou a ser correspondente.

Coa elección de García Martí para a homenaxe deste ano, a entidade quere darlle continuidade a un ciclo de recuperación das grandes figuras do xornalismo galego que pasaron á historia pola súa profesionalidade de maxisterio.

Neste sentido, a asociación de periodistas adiantou que se celebrarán actos tanto en Santiago como na súa vila natal, contando co apoio do Concello pobrense e da especialista na súa vida e obra, a filóloga e profesora da Universidade de Santiago Antantxa Fuentes Ríos.