Barbantia dálle a benvida ao novo ano co escritor rianxeiro Xosé Luís Axeitos

BARBANZA

XOAN A. SOLER

O 29 presentarase «Aproximacións a Manoel Antonio», con dous textos inéditos do bardo

15 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Luís Axeitos é o escritor elixido por Barbantia para estrear o 2020. A asociación realizará o vindeiro día 29 o primeiro acto deste novo ano en Rianxo (auditorio, 19.00 horas), onde o convidado de honra presentará o seu último libro, Aproximacións a Manoel Antonio. Trátase dun volume de ensaios sobre o poeta, no que se inclúen dous textos inéditos.

O autor estará arroupado por María Xesús Blanco, vicepresidenta de Barbantia; Roberto Abuín, de Axóuxere Editora, e Adolfo Muíños, rexedor local. O acto coincidirá coa saída á luz dun novo número, o 161, de A voz de Barbantia, o suplemento cultural publicado mensualmente pola asociación.

Como en ocasións anteriores, aínda que a literatura será a protagonista, Barbantia tamén poñerá en escena outros xéneros artísticos. Tanto a apertura coma o peche do acto serán musicais e correrán a cargo de Miriam Pardal Figueiro (trompa) e Félix Iago Rodríguez Ramos (bombardino), ámbolos dous alumnos da Escola de Música de Rianxo. Ademais, mentres Axeitos fala do proceso de elaboración do libro, Xosé Luís Veiras Manteiga levará a cabo unha intervención plástica.

Aínda que se trata da convocatoria mensual de Barbanza, esta presentación enmárcase no programa de actividades organizado polo Concello de Rianxo para renderlle homenaxe a Castelao, coincidindo co aniversario do seu nacemento.

Axenda anual

Pendentes dos actos que permitirá levar a cabo o covid neste complicado ano, os directivos de Barbanza reuniranse o mesmo día 29 en asemblea xeral para analizar, entre outras cuestións, a axenda de actividades deste 2020. Entre as citas a incluír atópanse as presentacións de libros como Vida e traballo no mar dos galegos, de Francisco Calo Lourido; Celada, de Antonio Piñeiro; Donos de seu, de José Manuel Vázquez Lijó; e Unha tirada de dados, de Manuel Cartea.

A entidade tamén ten previsto levar a cabo en Boiro un encontro de poesía e música e promover unha xuntanza de artistas en Noia. E convocará os Premios Barbantia.