Pablo Fernández: A pluma que tras unha turbia estrea busca unha segunda oportunidade

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

adrián gonzalez

Gañou o Vicente Risco coa primeira obra, pero tardou cinco anos en lanzar a segunda

14 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As ansias de escribir non son suficientes ás veces para lograr abrirse camiño no difícil eido literario. Nin sequera a consecución dun premio importante constitúe unha sólida garantía. Sábeo Pablo Fernández Barba (Madrid, 1976). No 2015 fíxose co Vicente Risco coa súa primeira novela, Transición. Aínda que o galardón incluía a publicación do libro, non foi tarefa doada por cuestións alleas ao autor e tiveron que pasar cinco anos para que este madrileño afincado en Noia, onde exerce como mestre, conseguira lanzar a segunda obra: O día que lle puxen lume á libraría de vello.

Un escritor que está preso por motivos que descoñece e durante o cativerio acaba redactando unha confesión literaria converteuse no protagonista desta novela de carácter social que, en palabras do autor, afonda nos temas da liberdade de expresión e da calidade democrática do país. Con ela, Fernández Barba busca chegar ao gran público, lograr o pulo definitivo para seguir publicando, pois ao longo deste lustro de seca editorial nunca deixou de xuntar letras.

Á espera de comprobar a resposta dos lectores, o autor asegura que o lanzamento da novela por parte de Edicións Morgante supón para el un raio de esperanza despois de atravesar un camiño de espiñas nos seus comezos como escritor. A súa primeira novela tivo un percorrido curto e accidentado. Primeiro, porque a editorial que segundo as bases do Vicente Risco tiña que encargarse da distribución, Sotelo Blanco, non estaba en condicións de facelo, polo que Transición pasou a mans de Urco. E despois, polas críticas que recibiu Pablo Fernández, ao que chegaron a acusar de machista.

Aínda que o escenario non era o esperado, a pluma afincada en Noia non se amedrentou. Seguiu escribindo, pois como recoñece, sempre o fixo por afección, ata o punto de que foi un amigo o que o animou a probar fortuna nun certame. Agora ten un carro de historias enriba da mesa: «Eu escribo para min, pero iso é un tópico, o que se busca sempre é que haxa xente que lea os libros, canta máis mellor». Iso si, sostén que trunfar no eido das letras non é algo que lle quite o sono: «Polo menos, que o fracaso sexa literario e que non haxa un xuízo paralelo a este campo como aconteceu coa primeira obra, con críticas infundadas e de corte persoal que me pecharon as portas».

Sempre en galego

Agora, máis ca rexurdir das cinzas, Fernández Barba busca acadar unha situación de normalidade, coma un escritor que é tratando de abrirse camiño: «Non teño de onde rexurdir porque nunca cheguei a alzar o voo, o único que espero é que o libro vaia para diante e se pronuncien os lectores». Se a resposta é positiva e ten apoio editorial, está disposto a seguir publicando e continuará facéndoo en galego, o idioma no que se sinte máis cómodo, aínda que como madrileño que é, ata hai dúas décadas falaba en castelán: «Cando cheguei, pouco a pouco funme facendo coa lingua e un día espertei falando galego. Agora é o meu vehículo de expresión e non teño o mínimo interese en cambialo á hora de escribir».

O libro que vén de publicar este noiés de adopción xa estaba listo antes da irrupción do coronavirus. A diferenza de outras plumas que atoparon no confinamento as condicións idóneas para deixarse levar, Pablo Fernández asegura que para el foi unha etapa de seca: «Non toquei o teclado, foi un tempo de moita presión e non puiden concentrarme». Admite, iso si, que xa está mans á obra de novo.

Estrea. Pablo Fernández Barba estreouse no eido literario con Transición, unha novela de intriga coa que gañou o Premio Vicente Risco no ano 2015.

O regreso. O noiés volve agora con O día que lle puxen lume á libraría de vello, que ve a luz da man de Morgante.