ÚLTIMAS HORAS - BLACK DAYS -
Suscríbete 1 año con el 50% de descuento
Quiero la oferta

As dúas naturezas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

07 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Collín uns días de vacacións nos que fiquei confinado no concello no que resido. Aínda que as posibilidades son limitadas, unhas vacacións confinadas tamén están cheas de posibilidades. Chámenme entusiasta ou parvo feliz, se queren. O normal sería que nesta primeira semana de ano marchase por Portugal ou a España interior, con algúns destinos marcados no mapa e o resto do tempo aberto ás posibilidades que nos ofrecera a vida, a conversa e a estrada. Desta volta non puido ser e, aínda que o botei de menos, aprendín a ficar e fixarme noutras cousas. Ao ter tempo, vin ao meu redor detalles abraiantes nos monumentos e nas rúas aos que nunca tivera tempo a atender.

A vida é unha suma de decisións. O que se cadra non somos conscientes (e podo entendelo porque nos volveriamos tolos) é que a cada momento estamos facendo eleccións, escollendo un camiño ou outro, decidindo se ollamos á distancia ou ao próximo. Ao optarmos pola vida acelerada, sen dúbida sempre sacrificamos moito do que está ao noso redor. Ollo, iso en si mesmo tampouco significa algo malo: outra xente non é capaz de ver máis alá de catro pasos e pérdese todo o que o mundo lle pode ofrecer. Iso de parar está sobrevalorado.

Se se paran a pensalo, verán que ao seu redor hai xente dos dous tipos: aqueles que prefiren ficar no próximo e aqueloutros que prefiren ver de lonxe. Existe un punto intermedio? Se cadra, pero o principal desafío está en asumir a cal das dúas naturezas se pertence. E forzarse, de cando en vez, a pasar ao outro lado.