Barbanza: O BNG de Noia critica a pasividade das Administracións estatal e local na execución da reforma da fachada marítima
Os nacionalistas cuestionan a falta de previsión, ao non incluír no proxecto a reposición de servizos e canalizacións soterradas
Noia
O BNG vén de recibir a resposta do Goberno do Estado a unha pregunta formulada polo deputado Néstor Rego en relación co proyecto de reforma da fachada marítima de Noia, unha contestación que non satisfai á formación nacionalista noiesa, que critica a pasividade das Administracións central e local no desenvolvemento desde proxecto.
Unha das cuestións que destaca o BNG é a falta de previsión, que, segundo entenden os nacionalistas, recoñece implicitamente o Goberno estatal, ao non incluír no proxecto a resposición de servizos soterrados afectados polas obras. Na resposta do Executivo central explícase que se prevé a adecuación do proxecto para executar as canalizacións que, puntualiza, non aparecían nos planos. Porén, para o Bloque isto é insuficiente e cualifican de «grave falta de humildade» que non haxa unha desculpa «polo importante e básico erro de non terse asegurado das condicións dos servizos do subsolo», ademais de cuestionar que non se teñan en conta as consecuencias paisaxísticas e viarias que esa falta de planificación está a ter na localidade.
Por outra banda, os nacionalistas tamén mostran a súa preocupación polo feito de que non se fai mención algunha ao reinicio dos traballos, paralizados para levar a cabo a modificación do proxecto que inclúa as canalizacións soterradas, nin ao remate da actuación, e aseguran comprender «o enfado cada vez máis elevado dunha veciñanza sen nova algunha sobre a evolución da actuación cando hai meses se aseguraba que estaría preparada a comezos do verán».
Por outra banda, o BNG fai alusión ao sobrecusto derivado da falta de previsión e considera que, cando menos, o Goberno central debería cofinanciar os investimentos realizados polo Concello de Noia na reposición de servizos afectados pola obra.
Comentarios