«Eu pensaba que non era posible, pero pódese chegar a Madrid en galego»

«Voaxa e Carmín» estrearase na capital, mentres a rianxeira participa nunha residencia co Centro Dramático Nacional


Ribeira / la voz

Poucos poden dicir que o 2020 foi o seu ano e case ninguén se atrevería a cualificalo de «absolutamente incrible», a non ser para referirse a esta especie de película de terror na que o coronavirus mergullou o mundo. Esther Carrodeguas (Rianxo, 1979) é unha excepción. Ela recolleu, en forma de premios, os froitos do traballo realizado con anterioridade, pero tamén tivo no confinamento a oportunidade perfecta para materializar ideas pendentes. Fíxose con dous galardóns: o Barriga Verde e o Barbantia á traxectoria cultural. Pero tamén conseguiu unha residencia en Madrid, para traballar seis meses no Centro Dramático Nacional.

-Como se recibe esta gran recompensa nun ano tan complicado e atípico?

-Recoñezo que para min foi un ano no que me tocou recoller, despois de ter traballado moitísimo. Aproveitei moito o confinamento. Escribín Feminísimas, unha obra que se estreou en novembro, e tamén a peza de marionetas coa que conseguín o Barriga Verde, un texto que conta a independencia da Illa de Arousa. Xa tiña a idea na cabeza, pero o encerro deume a oportunidade de concorrer ao certame, despois de que se alongara o prazo. Tamén preparei, xunto coa miña parella, Xavier Castiñeira, un proxecto que vai versar sobre a corentena e que arrancará en marzo. Foi un ano de nervios e estrés, no que pasaron moitas cousas en pouco tempo.

-Semella que mentres o mundo se paraba, vostede traballaba máis ca nunca...

-Así foi. O 1 de xullo arranquei cun recital, sendo unha das primeiras artistas galegas en subir ás táboas, e a partir de aí xa non parei. Por fortuna, a nós non se nos caeu ningún espectáculo e incluso aumentou a nosa axenda tralas axudas polo covid. A verdade é que foi unha situación un pouco absurda.

-De todos os premios recibidos, cal destacaría?

-Quizais, a residencia en Madrid, porque é un premio para que escriba e iso significa que confían en min para o futuro, que cren que podo facer algo interesante. Supón un desembarco en Madrid que coincidirá coa estrea, en abril, de Voaxa e Carmín, baixo a dirección de Natalia Menéndez, o cal foi todo un alegrón, sobre todo porque é un texto que non estaba publicado en castelán. Eu pensaba que non era posible, pero pódese chegar a Madrid en galego. Máis alá dos galardóns, tamén destacaría o feito de ter conseguido para o 2021 unha xira por Galicia con datas pechadas con 32 metros cadrados, porque me axuda a pensar que se pode contratar a actores de xeito continuado.

-Polo título parece claro que é a obra sobre o confinamento...

-Si. Xabier e eu tiñamos enriba da mesa un proxecto sobre unha catástrofe, pero cando chegou o confinamento decidimos reflexionar sobre o que estabamos a vivir. É unha peza co mesmo tipo de humor absurdo de Voaxa e Carmín, realmente é como a cara be. As Marías estaban sempre na casa, saíron cinco minutos á rúa e quedaron sen chave, polo que empezaron a descubrir o que había fóra. Neste caso, somos os que estamos sempre na rúa os que tivemos que someternos a un encerro. Tamén fala do medo, do cambio de concepto de liberdade, réndelle homenaxe aos sanitarios e ten unha parte de dó, de peche de feridas. Vaise estrear en marzo, no aniversario, e estará de xira ata xullo, que foi cando acabou o estado de alarma.

«De tódalas crises e cambios agroman iniciativas interesantes»

Consciente de que é unha privilexiada nunha crise da que poucos sectores se salvan, Esther Carrodeguas ten a súa axenda a rebordar. Mesmo é capaz de mirar con optimismo cara un futuro que se presenta incerto.

-O seu foi un confinamento moi proveitoso, había necesidade de pisar o freo?

-Si, porque normalmente estoume movendo sen parar, sen poder escribir con calma e nesa etapa puiden facelo. Incluso decidín cambiar o modelo de empresa, buscando unha fórmula que permita un traballo menos precario para os actores. Creo que ata me fixen consciente de que son empresaria.

-Deixando a un lado a súa fortuna persoal, como ve o panorama?

-É un momento moi complexo. Hai moitas compañías, produtoras e escritores que se quedarán no camiño e non vai depender do talento, por desgraza. Pero penso que para as artes vivas, a música e o teatro, vai ser beneficioso, porque a xente valorará o contacto persoal. Agora énchense eses aforos limitados que antes quedaban a medias. Para a creatividade en xeral, o momento é bo, porque de tódalas crises e cambios agroman iniciativas interesantes. Outra cousa é o factor económico, se vai haber cartos para consumir cultura.

-Pensa que o sector está sendo tratado inxustamente?

-Vexo que, por fortuna, o mantra inicial non está operando. Ao principio da crise falouse de pasar os cartos asignados á cultura para servizos sociais, pero finalmente decatáronse de que, se non nos deixaban traballar, seriamos nós os que acabariamos chamando ás portas deses servizos sociais. Finalmente, as redes habituais mantivéronse e, no que a min respecta, podo dicir que a axenda de actuacións non experimentou recortes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«Eu pensaba que non era posible, pero pódese chegar a Madrid en galego»