Portelo único

José Vicente Domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

BARBANZA

31 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos temos dereito a pedir un desexo cada vez que un ano está a piques de rematar. E eu non penso falar do coronavirus nin do raio que o parta. De maneira que, seguindo as instrucións sanitarias neste asunto voume limitar a marcar distancia, poñer a máscara e lavar as mans con xel alcohólico. Do que lles quero falar é do meu desexo de que exista unha portela única para tramitar os expedientes aos que todos os cidadáns estamos obrigados se queremos facer algo relacionado coa Administración.

 Lémbrome cando alá polo ano 1993, o señor Fraga, don Manuel, prometeu (coa forza que acostumaba prometer), que a ventaniña ou portelo único, sería o xeito de modernizar a economía galega. Uns nove anos máis tarde, o señor Arenas, don Javier, foi un pouco máis alá ao prometer a «Administración única electrónica». Pois ben, pasados 18 anos desde aquelas intencións, tan só temos as recentes declaracións do Goberno, anunciando a creación dunha ventaniña única para que as empresas soliciten os fondos europeos. Xa ven, como se a necesidade fose exclusiva das empresas e os demais mortais non tivesen que tramitar os seus asuntos.

Tan difícil é que Industria e Comercio, Traballo, Seguridade Social e Facenda, por poñer un exemplo, dispoñan de información telemática entre eles? Si un español pretende solicitar unha axuda estatal deberá presentar unha serie de documentos de cada unha das Administracións citadas. E pregunto eu, é que esas Administracións perderon os documentos que nos obrigan presentar cada vez que renovamos o DNI, facemos a declaración da renda, nos damos de alta ou de baixa nunha empresa, inscribimos unha filla no rexistro civil, presentamos unha acta de matrimonio ou defunción ou rexistramos unha propiedade? Veña home! Non lles parece que con só o feito de presentar o noso DNI debería ser suficiente para que un portelo único recompilase todos os documentos que puidera necesitar? Vaia se o fan cando se trata de impoñer unha multa por unha falla de pago calquera! Non, non me veñan con iso das garantías individuais ou compromisos de confidencialidade, cando sabemos que todos estamos baixo a estreita vixilancia dese Gran Hermano que sabe máis ca nós de nós mesmos. Xa que logo, posto que non pode haber dous DNI iguais, tecleando ese número deberían aparecer todos cantos documentos puidera necesitar calquera expediente. Ou non?