Barbantia e o sereos, como antídotos

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O limitado aforo do auditorio de Rianxo quedou escaso para a gala

20 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun 2020 complicado para todos, a actividade da Asociación Cultural Barbantia, coroada coa entrega dos premios Sereo, erixiuse onte coma antídoto contra ese virus que todo o acapara sen distinción e cuxos efectos incluso se fixeron notar na gala de entrega dos galardóns, á que só puideron asistir sesenta persoas, a quinta parte do aforo do auditorio municipal de Rianxo.

Os elixidos foron testemuña de toda unha homenaxe ás manifestacións culturais barbancesas concentradas na música de Roberto Bolaño, á tuba, e Irati Font, ao chelo; que abriron, deron continuidade e pecharon o acto; no teatro, a literatura e a creatividade de Esther Carrodeguas; na actividade cívica e social de Terra de Outes; no traballo incansable do etnógrafo, mestre e escritor Clodio González; na que zumega o propio Rianxo, por historia e por presente; e na que abandeira a propia entidade que outorga os recoñecementos.

Na quenda da entrega de premios, Esther Carrodeguas non asistiu en persoa á recollida do Sereo á Traxectoria Cultural no Barbanza, pero si a través de súa nai e por medio dunha vídeo chamada, xa que se atopa en Madrid facendo unha residencia para o Centro Dramático Nacional ata xuño. Amosouse moi emocionada por momentos, e insistiu en que non merecía o premio porque a súa traxectoria está a punto de empezar, aínda que si admitiu que leva feito moitas cousas, desde teatro, ata literatura, colaboracións con entidades coma Barbantia. Ela, que se declarou contraria ás fronteiras, confesou o seu apego á súa terra e un cariño especial ao grupo de Teatro Airiños, do que foi directora e que leva no corazón.

Despois de Carrodeguas, tocoulle á asociación Terra de Outes recoller o Sereo á Iniciativa Cultural no Barbanza, do que se encargaron Lidia Vicente e Xesús Mato. A primeira, gabou o papel fundamental do presidente, Xoán Mariño, para manter tanta actividade, mentres que Mato debullou as actividades máis relevante que desenvolve o colectivo, e aproveitou para reivindicar máis apoio da Consellería de Cultura para afrontar as actividades que desenvolven, así como un compromiso máis decidido coa carpintería de ribeira, xa que Terra de Outes conta entre as súas funcións cívicas a recuperación de embarcacións tradicionais.

Foi o mestre Clodio González o que subiu para recoller o terceiro galardón, o Sereo da Cultura Galega, para o que, como puxo en evidencia no seu discurso, reunía o perfil que lle fixo acredor da figura de Sargadelos co mitolóxico barbantio. O agasallado naceu en Cenlle, onde é cronista oficial, pero escribiu libros de historia e patrimonio dunha chea de concellos polos que pasou, desde Ponteareas, Rois, ata Noia, Lousame, Outes e Porto do Son. González asegurou apreciar moito a Barbanza, terra na que ten grandes amigos, especialmente pola zona de Noia.

Todos os premiados expresaron o seu orgullo por pasar a formar parte do selecto grupo de agasallados cos sereos de Barbantia, e recibiron os parabéns das autoridades que ocuparon a presidencia: o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a deputada provincial Sandra González. Todos eles destacaron, ademais, o labor incansable que desenvolve Barbantia, e Valentín García incluso apuntou que oxalá houbese en Galicia unha ducia de Barbantias máis.

Símiles entre a estrea de Nós e a do anuario

O presidente de Barbantia, Manuel Cartea, e a directiva Encarna Pego fixeron un percorrido polos temas que integran o anuario, avanzando algúns detalles dos seus contidos. Cartea, inicialmente, lembrou que xa son 16 volumes os editados ata a data, tantos como anos leva operando a entidade. Pero foi Encarna a que botou man do limiar que escribiu o tamén socio fundador de Barbantia Xosé Ricardo Losada, quen fai un símil entre Nós. Boletín mensual da cultura galega e o propio Anuario de estudos do Barbanza, de como se asemellan moitos aspectos que o histórico colectivo recollía como fundamentos na súa primeira publicación. Losada conclúe dicindo: «Non hai ningunha dúbida de que os promotores da revista Nós ben poderían denunciarnos por plaxio, pois non outros son os nosos obxectivos».

E para rematar un acto que se alongou máis do esperado, e que estivo presentado por Duarte Galbán, nada mellor que escoitar o himno de Rianxo, que non é outro que a famosa Rianxeira, tocada por Roberto Bolaño e Irati Jiménez, ante outros alcaldes como o de Noia, Santiago Freire; o de Porto do Son, Luis Oujo; o de Outes, Manuel González; e o da Pobra, Xosé Lois Piñeiro.