As flores do Espiño

Margarita Fdez. Gómez

BARBANZA

18 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro domingo de xullo celébrase en Palmeira o Santísimo, festividade relixiosa que para os habitantes do pobo comporta certa relevancia social. Sinalan a efeméride diversos actos, entre os que cabe salientar a confección de alfombras florais.

Distintos barrios deseñan cadanseu tapiz e cóbreno de flores e sal tinguido de cores. Participei dende a nenez na elaboración da alfombra do Espiño. Píntase nunha costa cuxo nome -Espiño- provén do latín spina, vocábulo que serve para designar a columna vertebral dos mamíferos. Asemade, o termo referencia, en botánica, os picos que medran no tallo dalgunhas plantas.

Esta circunstancia percíbese no acervo toponímico galego. Sen saír da Barbanza, somos quen de camiñar dende Espiñeira, en Boiro, ata Espiñeirido, en Corrubedo, pasando pola Fonte Espiñosa, en San Pedro de Muros. A fermosura destas paisaxes combina, igual que nas rosas, o agreste das espiñas coa beleza das follas.