Panchito ou os dez negriños

BARBANZA

Fernando Bizerra

12 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa temos comentado como nese afán polo politicamente correcto se trocou a palabra «negro» por «escravo» nas modernas edicións da obra de Mark Twin, ó que o amigo Xulio nos replicou cunha pregunta que nos puxo contra o respaldo a quen tiña cadeira e buscando apoio a quen estaba de pé. Leunos un texto onde se asegura que os xitanos son todos ladróns, nacen ladróns e son fillos de ladróns. A maioría de nós, ante tales afirmacións, comentamos que ese texto debía ser borrado e o seu autor denunciado por racista, pero entón Xulio amosounos a portada do libro: así empeza La gitanilla de Miguel de Cervantes.

E agora dicídeme, quen ousa corrixir a Cervantes aínda que o texto, a día de hoxe, sexa politicamente incorrecto?

Desde que un neto de Agatha Christie impulsase o cambio de título da novela Dez negriños, para evitar ofensas indebidas a toda unha raza, volvemos a enfrontarnos co tema de ata onde unha obra literaria pode ser modificada por persoas que non sexan os seus autores. Temos presente que a primeira vez que se lle cambiou o título foi en 1940, na edición para os Estados Unidos por E entón non quedou ningún, precisamente por considerarse o título orixinal pexorativo, cando este está en relación directa co argumento, baseado nunha canción infantil e na aparición de dez figuras de negriños que pouco a pouco rompen a medida que morren os dez convidados a unha mansión. Estamos a falar dunha novela editada por primeira vez en 1939, cando no continente europeo florecían os totalitarismos racistas e tanto na illa como na mesma casa real británica tiñan simpatizantes.

Volvemos unha vez máis ó vello tema de situar as obras no súa conxuntura histórica, aínda que nos doian, aínda que a autora, seguramente, escribiu o título sen outras pretensións que non fosen encadrar unha serie de crimes en vinganza por pasadas mortes «colaterais», por mala praxe, por descoido ou por desafecto, todas elas seguindo as pautas dunha coñecida canción infantil en pleno florecemento do nazismo.

Sería mellor que en vez de negriños o título dixese branquiños? Sería iso máis correcto? Non sei, pero estaríamos modificando unha obra literaria que, como calquera obra de arte, non se fixo para ser correcta ou non, senón para sinalarnos a conciencia. O lector é quen ha de saber como xulgar á señora Bovary, ó estudante Raskólnikov ou a Fortunata e Xacinta. O autor só representa un cadro. Isto non exime a condena de palabras pexorativas ou insultantes contra unha raza ou unha etnia, e aí debemos poñer o acento, xa sexa contra quen quere fusilar a 26 millóns de españois por non pensar igual ca eles ou quen distingue entre cidadáns de primeira e de segunda segundo o nivel económico, sobre quen marxina ós negros por ser negros, abocándoos á marxinalidade, e a quen dá por feito que as deficiencias nacen como nace a cor dos ollos.

Deberíamos corrixir a Castelao cando titulou un dos seus contos O negriño Panchito, onde o autor nos amosa que por encima da cor da pel está a condición humana?. Ese conto, supostamente escrito como resposta ás teses do conde de Gobineau sobre a superioridade racial aria, non nos vai deixar indiferentes, sobre todo agora que as nosas vilas e cidades se poboan con inmigrantes doutras razas e etnias. Pero son persoas.