O álbum dixital

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

10 dic 2020 . Actualizado a las 12:20 h.

As fotografías vellas fascínannos. Sigo varios dos grupos de Facebook dedicados ás imaxes antigas que hai no Barbanza. Están moi vivos, cunha chea de publicacións semanais, por parte dun grupo bastante amplo de participantes. Hai unha dimensión encantadora das fotos antigas. Teñen a capacidade de evocar (e ás veces forzar) a nosa memoria familiar, de amizades e por suposto a memoria colectiva.

As aliñacións das equipas de fútbol, os compañeiros da mili, as fotos no campo da festa, as matanzas, as vodas, os primeiros planos diante de cochazos e aqueloutros con nubes de azucre nas mans. Pero non neguemos tamén o que nos encantan esas fotos de hai un século, nas que buscamos non os sete erros, como Laplace, senón os sete cambios das nosas vilas. Que edificios e malecóns recoñecemos, que praias xa non están.

A participación deses grupos, os likes e os comentarios animan aos participantes a botaren man do seu móbil e rastrexaren nos seus álbums familiares ou nos dos familiares. Pero cada vez que o vexo, éntrame tamén bastante rabia. Sen ser conscientes, están a traballar para Mark Zuckerberg, o propietario de Facebook. Cando Facebook peche -porque pechará- todo ese contido se perderá sen remedio, e con el a memoria que vai asociada.