«Non podemos chegar ao remate da concesión no 2023 sen saber que facer»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Avoga polo diálogo para resolver os problemas que afectan á recollida do lixo

07 dic 2020 . Actualizado a las 19:45 h.

Asumir a presidencia da mancomunidade Serra do Barbanza é sempre un reto, pero éo máis se cabe facelo nas circunstancias actuais. Luis Oujo, alcalde de Porto do Son, asumiu o temón da entidade en pleno confinamento pola pandemia, pero en canto foi posible comezou unha rolda de reunións coa empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo e cos traballadores da planta de Servia para empezar a falar do futuro dun modelo que é preciso revisar antes do 2023.

-Non son poucas dificultades ás que debe facer fronte a mancomunidade, pero cales son para vostede as prioridades?

-O noso obxectivo principal é o 2023, que é cando remata a concesión da empresa FCC para a xestión da planta e do servizo de recollida. Para esa data temos que ter xa decidido que facer, se acordar unha prórroga ou convocar unha nova licitación cunhas bases novas. Pero problemas temos moitos: a renovación de colectores, a adquisición de novos camións, a débeda coa empresa.

-A relación entre a mancomunidade e a empresa sempre foi tensa, cal é a situación agora?

-O que temos que evitar ante todo é o enfrontamento, os intereses son os mesmos os de Serra do Barbanza e os de FCC, que é recoller o lixo e prestar un bo servizo aos cidadáns. Temos que sentarnos para ir vendo como resolver os problemas e evitar xudicializar todo, e niso estamos. Ás veces é inevitable, pero o primeiro é que haxa diálogo e, se hai vontade das partes, normalmente atópase unha solución. Agora estamos buscando a fórmula para aboar o que lle debemos á empresa pola revisión de prezos, estamos obrigados e hai unha sentenza xudicial que di que temos que pagar. Xa está previsto subir a cota dos concellos un 18,09 % no 2021 para ir afrontando a débeda, pero iso non vai repercutir no que pagan os veciños.

-No seu momento propúxose a posibilidade da xestión directa da planta de compostaxe por parte da mancomunidade ao remate da concesión no 2023, está sobre a mesa esa posibilidade?

-Si, o BNG reiterou a proposta da xestión pública recentemente, pero eu persoalmente véxoo moi complicado. Será unha decisión que se tome na asemblea da mancomunidade, pero na miña opinión o mellor sería sacar unha nova licitación cunhas boas bases. Vendo en que se pode mellorar, aprendendo dos erros cometidos no pasado para non caer no mesmo, da experiencia da actual concesión e das achegas dos propios traballadores creo que podemos facer uns bos pregos para que o servizo funcione e non haxa problemas. Podemos facelo porque agora temos coñecementos para iso, pero hai que tomar unha decisión e non chegar ao 2023 sen saber que facer.

-Do que non hai dúbidas é de que se manterá a aposta polo modelo de compostaxe.

-Non temos ningún tipo de dúbida sobre seguir co modelo, pero si temos que melloralo. Queremos que este proceso sexa moi participativo e contar cos traballadores na toma de decisións, porque a información que nos dan eles é moi válida. Xa tivemos algunha reunión co comité de empresa.

-Que tipo de cuestións lle trasladaron os traballadores?

-Temos un problema moi importante coas balsas nas que se depositan os residuos que non se poden reciclar nin usar para facer compost, o espazo dispoñible xa está practicamente colmatado. No seu momento adquiriuse a parcela contigua á planta, na que había unha polvoreira, e teremos que empezar a planificar e tramitar as autorizacións para ir ampliando porque nas balsas case non queda espazo. Outra cousa moi importante relacionada con isto é que temos que seguir concienciando á cidadanía. O material que vai a esas balsas está contaminado porque nos fogares non se fai unha correcta separación dos residuos, e iso é fundamental para facer compost e que o modelo funcione.

-De cara ao 2023 tamén será importante ver que pasa cos concellos que non son de pleno dereito, cal é a súa postura?

-Están un pouco no limbo porque o seu contrato rematou, e nós o que queremos é que queden na mancomunidade e que se integren como membros de pleno dereito. Ames, por exemplo, supón o 45 % do residuos que chegan á planta de Servia.