Alfonso Costa: «En Barcelona aprendín a pintar, pero en Galicia, a soas, atopei o meu estilo»

O pintor noiés acaba de recibir o Premio da Crítica pola súa longa traxectoria


ribeira / la voz

O palmarés de Alfonso Costa (Noia, 1943) vén de sumar un novo galardón. Trátase do Premio da Crítica de Galicia na modalidade de artes plásticas, que recoñece o medio século de traxectoria do pintor barbancés. A distinción supón, como el mesmo recoñece, un extra de ilusión para seguir creando nun momento da súa dilatada carreira no que segue apostando pola investigación e a reinvención.

-Como recibiu a noticia deste novo galardón?

-Pois co corazón a piques de saír do peito, pois non sabía nin que estaba seleccionado. É un premio especial, porque é concedido pola crítica, porque ten 43 anos de vida e porque recoñece toda a miña traxectoria.

-Unha traxectoria que arrancou lonxe de Galicia...

-Si, a miña primeira exposición tivo lugar en Xaén no ano 68, pero realmente foi en Barcelona onde descorreu a metade da miña carreira artística, e sobre todo onde despuntou.

-Quizais non sería artista se non se tivera marchado de mozo a Barcelona?

-Pode que non, se ben é certo que a sorte tamén foi importante. Eu tívena cando fun seleccionado para unha exposición colectiva na Galería 13 de Carlos Aguilera. Foi crucial, porque a partir de aí empecei a expoñer, a conseguir premios e, por riba de todo, logrei a beca que me permitiu estar un ano en Florencia, estudando o mundo do Renacemento.

-A que se debeu o regreso a Galicia?

-Sigo a ter un estudo en Barcelona, se ben é certo que desde hai dez anos estou máis tempo en Galicia ca alá. Alí traballo na cidade e cando estou aquí, no campo, son dúas formas de interpretar a arte. Iso inflúe moito na miña obra.

-Hai entón dous Alfonso Costa?

-Si. Barcelona é un mundo máis aberto, onde aprendes, ves arte e coñeces artistas. En Galicia creo en soidade, porque é onde entro en conexión co mundo.

-Hai entón diferenza entre as obras que crea en Barcelona e as de Galicia?

-A miña obra nunca é igual. A última colección que amosei na Universidade de Santiago supuxo un cambio tremendo, unha ruptura total coa traxectoria anterior. Eu penso que un artista non pode quedar estancado, ten que estar sempre redescubríndose. Ás veces é difícil atopar novas formas de expresión e ata temos que situarnos fóra de nós para conseguilo, marcar unha certa perspectiva. En Barcelona aprendín a pintar, pero en Galicia, a soas, atopei o meu estilo, o meu camiño.

-Como se produciu esa ruptura co pasado da que fala?

-É unha serie en negro, na que quería investigar a nada, ese movemento que hai dentro dun, por iso presentei formas sen principio e sen fin. Logo, noutra sala, falaba do ser humano que busca a perfección, pero que destrúe todo o que constrúe. Foi unha exposición que buscaba sorprender e conseguiuno, froito dun traballo que viña realizando desde hai unha década. Aparteime da figuración para camiñar cara a abstracción máis íntima.

-Segue nesa liña?

-Agora estou practicando, manchando lenzos, porque ás veces déixome ir e permito que as cores me vaian levando. Quero investigar máis a entropía, vinculada con este momento actual de desorde, e tamén o antropocentrismo, que sitúa ao home como centro. Todo isto interésame porque estou en loita por crear un mundo máis habitable e iso reflíctese na miña pintura.

«Gústame investigar, facer sempre o mesmo é a morte do artista»

Cinco décadas no mundo do arte dan para moito. Alfonso Costa aproveitounas para realizarse como pintor e tamén para experimentar coa escultura, aínda que recoñece que precisa estar preto do lenzo.

-Cales foron, na súa longa traxectoria, as principais influencias?

-Desde que un empeza a pintar e vai evolucionando, todo inflúe. No meu caso, eu pinto para min, consciente de que, se me gusta a min, a xente vai ver que son cadros auténticos. A miña pintura é un reflexo do meu mundo. Nel, gústame investigar, facer sempre o mesmo é a morte do artista. Así seguirei sempre.

-Co seu palmarés, aínda o ilusionan premios coma o que vén de recibir?

-Todos os premios constitúen unha achega de ilusión para seguir traballando, sen eles, quedas orfo. Eu recibín moitos, pero aínda hoxe, ao día seguinte de ter a confirmación dun novo galardón, me entran unha gañas tolas de seguir pintando. Claro que, o bonito do arte é ter a liberdade para pintar o que queres.

-É entón afortunado?

-Si, tiven a sorte de que me descubriran as galerías de Barcelona e que me deran a beca para estudar en Italia, foi o meu lanzamento espacial.

-Inflúe de algún xeito a pandemia actual na súa obra?

-Os artistas levamos confinados toda a vida, porque nos encerramos para pintar. Iso non me inflúe tanto coma o caos que hai na sociedade, a evidencia de que os homes estamos destruíndo o planeta. Iso é o que me preocupa.

-Pero a cultura está en crise...

-Iso si. Os artistas estamos deixados da man de Deus e cada vez é máis complicado vivir da pintura. É unha mágoa, porque a cultura é un dos piares máis importantes do ser humano.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Alfonso Costa: «En Barcelona aprendín a pintar, pero en Galicia, a soas, atopei o meu estilo»