Lenda, historia, memoria

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

26 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As lendas non son historia, pero as lendas case sempre agachan sucesos ou lugares do pasado. A Historia e a memoria son tamén cousas distintas. Non hai máis que ver como dous amigos ou dous familiares recordan un mesmo feito para ver que cada persoa lembra de xeito distinto. A memoria é o noso recordo do pasado -ou o relato que nos fixeron do pasado e que conservamos na nosa familia ou grupo humano-. A Historia aspira a ser algo distinto: a interpretar o pasado con ferramentas científicas.

Sen embargo, estes tres ámbitos casan e se complementan entre si, alumeándose os uns aos outros. Este sábado, na Pobra do Caramiñal, poderemos comprobalo, durante as xornadas A Pobra do Caramiñal no tempo. Eu falarei sobre o sorprendente caudal de lendas pobrenses, que de algún xeito son como a arca perdida do noso pasado. E veremos como nas lendas do pasado aparecen algúns feitos aos que se referirá o gran historiador medievalista Anselmo López Carreira ao aludir aos feitos da casa de Xunqueiras. Antonio González Millán mergullarase no dilatado pasado da igrexa de Santa Cruz de Lesón, que nos levará á paisaxe mítica do río Pedras. E o historiador Rafael García introduciranos nuns feitos relativamente, o impacto na Pobra do golpe de estado de xullo de 1936.

Entón pasaremos da historia á memoria compartida de todos os que estamos alí. Xa non hai prazas para asistir no cine Elma, pero se lles abrín boca, que saiban que haberá retransmisión en directo a partir da web apobra.gal.