Debuxar a imaxinación

BARBANZA

12 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai algo fascinante en converter en imaxes historias que ata o momento só foran contadas de viva voz. Se un ten a sorte de facelo con Miguel Robledo, un dos grandes ilustradores de Galicia, a sensación é aínda máis estraña. «Somos iso? Eramos iso tan fermoso?», pregúntaste. Déixome de misterios: estivemos traballando para dar a luz un póster que se entregará aos asistentes ás xornadas A Pobra do Caramiñal no tempo, que organiza o departamento de Cultura deste concello. Celebraranse o sábado 23 de novembro (con conferencias no teatro Elma) e domingo 24, con un roteiro polo río das Pedras.

Precisamente do río das Pedras foi do que traballei con Robledo. Tentamos recrear nun póster as fermosas lendas deste espazo emblemático pobrense, verdadeiro berce sentimental e histórico do concello canda San Isidro de Postmarcos e Santa Cruz de Lesón. Dos poderes de San Amaro subindo o río na súa barca de pedra ás enigmáticas lavandeiras que tan íntima conexión teñen coas lendas da Bretaña francesa. Un imaxinario atlántico, pero tamén moi singular, moi de noso. Ao ilustrar aquelas historias que nos contaban de cativos queremos facer unha cousa: transmitirllas ás novas xeracións nunha nova linguaxe. Non debemos ter saudade do que xa non volverá a ser: do que nos debemos preocupar é de como transmitir un legado e, sobre todo, darlle un sentido para as novas xeracións. Ou axudar a que eles llo atopen.

O póster vaise agasallar a todos os asistentes. E é un agasallo, asegúrolles, que non se pode esquecer.