Un salvador para o patrimonio musical galego

m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Exerce como músico e vén de publicar un cedé, pero desenvolve o seu gran labor no eido da investigación

08 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando se fala do patrimonio inmaterial dun pobo fálase de tradicións, de costumes e tamén de manifestacións culturais intanxibles, como é o caso da música. No referente a Galicia, rescatar todo ese pasado para lograr perpetualo é un reto por cumprir, no que un bo número de persoas se están afanando. Xosé Luís do Pico Orjais (O Grove, 1969) faino no eido musical, un campo que domina como músico, como mestre e como investigador. Aínda que naceu ao outro lado da ría de Arousa, atopou en Rianxo, concretamente en Taragoña, o lugar perfecto para vivir e traballar: «Aquí os nenos seguen a ser como era eu de pequeno, vivindo en contacto coa natureza e comprometidos coa lingua e a cultura galegas».

Nacido no seo dunha familia de artistas, non foi quen de fuxir do que se presumía que era o seu destino e tampouco quixo. Sendo un neno xa percorría festas e romarías coa gaita ao lombo e con 15 anos fundaba, xunto con varios compañeiros do instituto de Carril, o grupo Leixaprén, co que gravaría un vinilo, como recompensa por gañar un certame promovido polo Ministerio de Cultura, e un cedé, un dos primeiros traballos musicais lanzados en Galicia neste formato.

Punto de inflexión

Daquela, compatibilizaba o grupo Leixaprén con colaboracións continuas para a cantante María Manuela, que é a súa prima, formando parte da banda que a acompañaba en varios discos. Mesmo se animou a crear canteira musical fundando, xunto con Uxía Pedreira e Ramón Piñeiro, o conservatorio de música tradicional de Lalín: «Aquilo foi espectacular», lembra con orgullo. Pero aquel paso, coincidindo co cambio de século, marcaría un punto de inflexión na traxectoria de Xosé Luís do Pico, que aparcaba temporalmente os instrumentos para desenvolver unha prolífica labor no eido da investigación.