Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Incerteza

BARBANZA

05 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei se lembran a historia do rei Mitrídates. Era ese soberano persa que, como tiña medo a que o envelenaran, decidiu evitalo administrándose a si mesmo doses crecentes de veleno. O problema é que cando tentou suicidarse porque os romanos o ían capturar, xa estaba tan acostumado que o veleno xa non valeu de nada. Teño a sensación de que coas medidas da pandemia pasa o mesmo: todos sabemos cal é o escenario final, pero aceptamos o engano da medida paulatina sen darnos conta de que o principal freo da economía está en desactivar incertezas.

Síntoo ben pola hostalería e os sectores produtivos -mar e agro- cos que traballa. Machácaos máis a incerteza que un horizonte definido, por duro que sexa. Cando escoito estes días a algúns espabilados regocixarse de que o país vai sufrir porque depende demasiado dun modelo económico turístico, pregúntome en que mundo viven. Polo meu traballo, coñezo relativamente ben algúns ámbitos profesionais do país: a universidade, as tecnoloxías, a cultura, a hostalería e o sector da produción agropecuaria. Pois ben, moita hostalería galega non fica atrás do sector tecnolóxico en innovación e emprendemento.

Moitos dos hostaleiros e emprendedores agropesqueiros que coñezo son xente botada para diante, que apostan por prestar un servizo competitivo e que fan o que poden cun país no que papá/mamá mete os cartos en comprar pisos e non en montar negocios. A hostalería ás veces é o emprendemento máis asumible.