Cajaraville converte en pequenas pezas teatrais a historia do homenaxeado nas Letras Galegas

a. l. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O escritor presentou o seu novo libro nun acto en Boiro

01 nov 2020 . Actualizado a las 19:23 h.

Cando a Editorial Xerais volveu a encomendarlle a Héctor Cajaraville que escribira un traballo sobre o persoeiro ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas, o autor veu neste encargo unha posibilidade de descubrir a vida e obra de Carvalho Calero, un home do que só coñecía os aspectos máis importantes da súa biografía. Sen embargo, despois de pasar meses investigando, puido comprobar que non tiña nada que ver coa imaxe «dunha persoa gris, encerrada no despacho de académico. Foi todo o contrario, un auténtico pioneiro en moitos campos», apuntou o autor, que onte presentou en Boiro o libro Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso.

Neste traballo -dirixido ao alumnado de primaria e secundaria- repasa os momentos máis importantes da súa vida, desde que quedou orfo aos 9 anos ata a súa destacada pegada no movemento galeguista e como académico de universidade. E todo iso o conta como «un libro de aventuras no que vou introducindo pequenas pezas de teatro nas que recreo a vida de Carvalho Calero».