Barbanza: Aurora Marco desvelou as liñas definitorias que marcarían a vida e obra de Carvalho Calero
A escritora recupera os principais acontecementos dos que foi testigo o ferrolán entre 1910 e 1941
ribeira / la voz
Moito antes de que Carvalho Calero fora un importante escritor, filólogo e galeguista pasaron moitas cousas na súa vida que marcarían o seu devir persoal e profesional. De todo isto fala no seu libro Foula e ronsel, Aurora Marco, que onte analizou este traballo nun acto celebrado na casa de cultura de Boiro e organizado pola asociación Barbantia e o Concello.
Explicou que esta obra é unha ampliación dunha previa publicada no 1992, á que agora lle engadiu numerosa información do que lle aconteceu entre 1910 e 1941 ao homenaxeado este ano no Días das Letras Galegas. «É difícil entender o Carvalho posterior sen coñecer ben ese período que o marcou no persoal, no profesional e no ideolóxico. Naquel tempo ficaron trazadas as liñas definitorias das súa traxectoria posterior», apuntou.
Excelente orador
Marco, que foi alumna e traballou no departamento de Lingüística e Literatura Galega co polígrafo ferrolán, o definiu como «un home que se multiplicaba, entregado á docencia, á investigación lingüística e literaria e un gran orador». Precisamente, sobre esta última faceta incidiu a escritora afincada en Noia, que explicou que, a pesar de ser unha persoa tímida, «cando estaba en posesión da palabra parece que se transformaba e mantiña a atención de quen o escoitaba».
Tamén debulla na súa obra sobre a súa actividade política, coa que soubo estar á altura do momento que lle tocou vivir. «Foi tempo de laborar pola terra, unha palabra que reunía todos os anceios e ilusións, toda a entrega, toda a paixón que puxo Carvalho na súa defensa».
Comentarios