José Antonio Pérez: «Hai que darlle valor á microhistoria que non aparece nos libros de texto»

román arén

BARBANZA

ABRALDES

Confirma que a represión fascista foi intensa no Barbanza

31 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Reunímonos nunha hora libre no departamento de Historia do IES Leliadoura de Ribeira, onde compartimos labor docente dende hai xa ben anos. Gardamos a distancia e falamos a través das máscaras. Para entrar en materia, pregúntolle se o seu interese pola Historia lle vén dende a mocidade, e responde: «Si, sempre me gustou, desde a época no instituto, en 3º de BUP, aínda que por un tempo, xusto cando ía comezar a universidade, dubidei se cursar estudos de Filoloxía inglesa». E non me sorprendo porque fala moi ben o inglés e mesmo imparte historia nesa lingua aos alumnos bilingües.

?Estamos xa no debate sobre a nova Lei de Memoria Histórica e, dada a polémica na prensa, pregunto se a Guerra Civil e a represión franquista están presentes no currículo escolar.

-Están, pero ao final do currículo, polo que é difícil chegar a impartir eses temas; depende do profesorado darlles a profundidade propia doutros temas, que non sexa unha síntese apresurada, e insistir na represión, algo esquecida. Pola miña parte procuro non deixar nunca de lado esa parte da historia. Penso que é importante que o noso alumnado a coñeza e por iso, cando a tratamos, fago sempre fincapé no que ocorreu no Barbanza, pois é o xeito de que a xente nova saiba o que lles pasou aos que teñen máis preto, de darlle valor á microhistoria que non aparece nos libros de texto.

?Volvo insistir na Lei da Memoria Histórica: é necesaria?, inquiro.

-Si, xa debería estar feita dende 1982, coa chegada dos socialistas ao poder. Consolidada a transición, era hora de revisar a Lei do Punto Final, o mesmo que fixeron outros países que tamén pasaron por ditaduras represivas; penso en Arxentina.

?Pero xa estaba a Lei de Zapatero en 2006.

-Si, inda que era boa, tiña eivas, entre elas a non anulación dos xuízos do franquismo e a falta de dotación de orzamentos para a apertura de fosas.

?Sigo a preguntar: a transición sacrificou a memoria histórica a cambio de paz civil? Foi un erro?

-Foi, en parte. Deixou unha ferida aberta que inda hoxe está sen pechar. Debérase terse feito antes, coma noutros países, unha comisión da verdade. E debe revisarse a Lei de Amnistía.

?Falamos agora do Barbanza. A represión aquí foi dura?

-Si, moi intensa, non só na Guerra Civil, senón tamén na posguerra. Temos que pensar que dez días despois do golpe, Barbanza, coma toda Galicia, estaba baixo control dos golpistas. E, rematada a guerra, non detiveron os seus crimes.

-Que máis nos queda por saber?, pregunto.

-Pois localizar lugares de memoria onde foron «paseadas» as vítimas, presos nos cárceres municipais pero que non aparecen nos rexistros, e investigamos a represión sobre as mulleres, as grandes esquecidas. Neste caso das mulleres non hai fontes documentais, só orais, e as vítimas non querían revivir os feitos, por medo.

?José Antonio é membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, xurdida arredor de 2012. Por que?

-Para encher un baleiro nun momento no que xurdían iniciativas paralelas en toda España, e para botar luz sobre os aspectos agochados da nosa historia.

?Cal foi o labor da comisión?

-Leva feito moito traballo: o monumento ás vítimas no Confurco, a edición de libros, como Diarios de Julio Silva, Letras de morte e liberdade -cartas que José Sieira e José Lijó escribiron desde o cárcere antes de ser fusilados-, os Episodios republicanos; vídeos divulgativos, e agora está a colaborar coa USC para a localización de lugares de memoria, entre outros moitos actos. Conferencias, mesas redondas, homenaxes...  

?E canto á unidade didáctica que preparaches para a Memoria Histórica?

-Vai dos comezos da II República ata a represión franquista; está dividida en catro capítulos que constan de dúas partes, unha síntese histórica, e logo as actividades para o alumnado de 4º da ESO e 2º de Bacharelato, onde está o tema no seu currículo.

?Fálanos das vítimas do franquismo no Barbanza.

-É difícil cuantificar. Hai que ter en conta fusilados, paseados, multados, depurados, rapadas, violadas... Varios centos.

?Saben as xeracións novas estas cousas?

-Non moito. Non se lles explicou en profundidade esta represión. Pero, cando lles falas disto, quedan sobrecollidos porque nunca pensaran que tal cousa podía ter pasado aquí. Impresiónaos moito cando lles dis que houbo campos de concentración na Pobra, en Rianxo e en Muros.

?Quedan inda símbolos franquistas no Barbanza?

-Algúns quedan. Estamos revisando os rueiros (cita a rúa Rodríguez Bautista) e algúns símbolos falanxistas e franquistas nos mobiliarios urbanos.

?Colaboran os concellos?

-Case todos. Mesmo fixeron achegas para o monumento ás vítimas.

E para rematarmos, falamos, xa de présa, da recuperación do Pazo de Meirás. Para o noso historiador, debería «converterse nun lugar de memoria». 

Perfil: Especialista na Guerra Civil

José Antonio Pérez Fernández naceu en Palmeira en 1966. En 1984 comezou os seus estudos na USC, onde licenciou en Xeografía e Historia na especialidade de Historia Contemporánea en 1989. Profesor titular de ensino medio desde 1996, traballou no IES Francisco Asorey (Cambados) e no IES Monte Castelo (Burela), antes de chegar, no ano 2001, a impartir clase no IES Leliadoura, de Ribeira, centro do que foi vicedirector e director e no que actualmente é o profesor responsable das seccións bilingües coas que conta o centro, ademais de ocupar a xefatura do departamento de Xeografía e Historia.

Interesado sempre pola temática da Guerra Civil e a represión franquista, comezou a publicar os seus primeiros traballos, froito das súas investigacións dentro do grupo Historga (Historia Oral de Galicia), dirixido por Isaura Varela e Marc Wouters xa en 1993, no volume coordinado por Marc Wouters, 1936. Os primeiros días (Vigo, Xerais), co traballo Ribeira e Pobra do Caramiñal.

Máis traballos

Outros dos seus traballos editados son Guerra Civil e represión nos concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira, editado nas Actas das III Xornadas de Historia e Cultura de Porto do Son, en 2005; Voces da memoria: Ribeira, da II República á represión, publicado en Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza, 2006; Dez días de xullo en Ribeira, en Memorias de Ribeira, no 2007; o cartafol Represaliadas: lembranza das esquecidas, número cinco dos cartafois Episodios Republicanos, e tamén, en 2019, editou o libro Diarios de Julio Silva.

A súa última publicación é deste 2020 e corresponde á unidade didáctica destinada á docencia de ensino medio, De Ribeira a Muros: da II República á represión franquista. As tres últimas publicacións foron editadas pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Barbanza.

Col de Betas

Comprometido co eido da cultura e o asociacionismo, foi membro fundador da Asociación Cultural-Xuvenil Col de Betas, de Palmeira, e tamén formou parte da directiva fundadora da antes citada Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica.

Ensino, familia, estudo do período máis negro da nosa historia, son algúns dos eixos da súa traxectoria.