Maquinismo e maxicorrealismo

Na exposición de Luis H. Hernández, no Centro Cultural Lustres Rivas, temos, ata o 31 de outubro, ao excepcional pintor, debuxante, pensador e narrador visual que Magritte resumiría na súa idea: a mente ama o descoñecido porque ela mesma é a gran descoñecida


Deixoume un inusual pracer a exposición de Luis H. Hernández. Desde a súa admiración daliniana, a súa vocación diverxente e o seu taller de Puerto Seguro, tráenos unha deliciosa visión da realidade múltiple, a través dun orixinalísimo encaixe nas liñas do realismo máxico.

Deixando a un lado a certa intención cosmolóxica, o achegamento ao significado do mundo e o recreo nas infinitas pluralidades do pensamento, quérome deter máis no pictórico. Creo que Luis posúe un fino coñecemento cromático. Desenvolveuno ata a súa natural espontaneidade. Hai moitos niveis da fala en cor, é certo -locuacidade, precisión, academicismo, coloquialidade-. Luis posúe o da elegancia. Ponse de manifesto no pracer estético que un sente ao ir pasando diante dos cadros. Creo tamén que ten unha experiencia compositiva moi pouco común.

As escolas máxico-realistas coidan especialmente este aspecto; pero Luis sorprende polas súas solucións habilísimas de encadre, punto de vista e combinación de elementos. Por exemplo na imaxe que hoxe traemos aquí: Money is for nothing, onde xoga coa similitude orográfica dun canón fluvial e unha máquina rexistradora, para situar entre ambos a corrente alegórica dun río de diñeiro que vai cara a ningunha parte. Unha escena, ademais, moi cinematográfica, moi desoutro gran ámbito máxico que é o cinema.

Nese modo de presentar o paisaxismo está tamén a presenza alegórica da viaxe; na presenza das escenas ferroviarias, do manexo do concepto da máquina de escribir, sempre implicada en algo (unha contorna xeográfica, un folio a medio facer, a súa propia antigüidade); nas liñas de fuga de estradas, camiños; no protagonismo dos automóbiles, caracterizados ás veces cun punto como expresivo, vivo (dúas motocicletas, por exemplo, que parecen conversar no seu estacionamento).

Pensamento e palabra

Hai moita narratividade na pintura de Luis H. Hernández. Creo que foi André Bretón quen dixo que o pensamento e a palabra son sinónimos. Son relatos e historias que poden verse, pensarse, seguirse nas formas e nas cores. Cadros presentados como escenarios teatrais de obxectos animados e seres case obxecto. O propio concepto do realismo máxico implica unha intención literaria. Poderíase contar, nuns parágrafos, o conto da máquina de coser que se puxo a bordar á beira da praia; pero a potencia suxestiva da soa imaxe paréceme insuperable. Aí a transversalidade dun xénero que naceu para iso, para mesturar as realidades, os mundos, as criaturas do universo coas do pensamento.

Na exposición de Luis H. Hernández, no Centro Cultural Lustres Rivas, temos, ata o 31 de outubro, ao excepcional pintor, debuxante, pensador e narrador visual que Magritte resumiría na súa idea: a mente ama o descoñecido porque ela mesma é a gran descoñecida.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Maquinismo e maxicorrealismo