Agustín Pose: «A loita dos bateeiros contra o Prestige é irrepetible. Hoxe morreriamos todos»

LOBOS DE MAR | Non dubida á hora de asegurar que os mexilloeiros salvaron a ría de Arousa


ribeira / la voz

Hai profesións que se herdan e a de bateeiro é unha delas. A Agustín Pose (Boiro, 1962) case non lle quedou máis remedio que dedicarse ao sector do mexillón. Medrou indo ás bateas con seu pai e cando aínda era un rapaz de 16 anos xa estaba cotizando. Daquela aínda estudaba, quizais co obxectivo de elixir unha profesión menos escrava. Pero o ouro negro da ría de Arousa empezaba a cotizar á alza, ao tempo que se introducían melloras técnicas que facilitaban o oficio, así que con 22 anos, o boirense convertíase en propietario das dúas bateas familiares. Agora ten cinco e recoñece ter sido testemuña do auxe do sector, pero tamén da que foi a súa principal ameaza: o desastre do Prestige.

Botando a vista ao pasado, aos seus comezos, Pose para no ano 1978, cando tivo lugar o primeiro gran temporal que recorda. Pero non o lembra como algo negativo, senón como o principio da revolución do sector bateeiro: «Concederan axudas do fondo pesqueiro e foi cando se empezaron a substituír os flotadores de madeira das bateas polos de ferro. As estruturas flotaban e por fin puidemos empezar a avanzar cara o exterior da ría». O mexillón comezaba daquela a ter sona no mundo, os beneficios medraban e chegaba a modernización: «Empezamos a mercar barcos e a colocarlles grúas mecánicas, polo que o esforzo xa era moito menor».

A entrada de España na Unión Europea, no ano 1986, constituiría, segundo este lobo de mar boirense, o impulso definitivo: «Coa chegada das primeiras axudas europeas fixemos barcos novos e melloramos as grúas». Os profesionais do sector uníronse e fixeron forza mediante unha central de vendas que permitía fixar prezos mínimos.

A gran batalla

O sector bateeiro era forte cando se tivo que enfrontar ao momento máis duro: «Lembro unha reunión no Grove co conselleiro de Pesca, na que nos asegurou que o fuel xamais entraría na ría, que se iso pasaba se pegaba un tiro». Pero os mexilloeiros tiñan contactos no Centro Oceanográfico de Portugal e alí non compartían esa opinión: «Dixéronnos que o 2 de decembro chegaría o petróleo á boca da ría. Organizámonos e alá fomos. Aquel día saímos media ducia de barcos sen autorización, porque non querían que vísemos o que pasaba. Volvemos cargados de fuel».

O 3 de decembro do 2002, o sector en pleno, coma se dun batallón se tratara, saíu a lidar contra o petróleo. Agustín Pose sostén que o medo a que o fuel se depositara nos fondos mariños impulsou aquelas duras xornadas de traballo: «Os bateeiros nunca se moveron por intereses económicos, iso dígoo eu de corazón. Non nos preguntamos se aquilo producía cancro ou se nos ía caer a pel a cachos. Só queriamos que o fuel non entrara nunha ría sen correntes, o que provocaría a morte de todo o que nela había».

Lembra con orgullo algunhas das imaxes que quedarán para sempre gravadas na súa retina: «Había quen non dubidaba en coller o fuel coas mans para sacalo do mar». O boirense afirma con rotundidade que o seu sector, o mexilloeiro, foi o que salvou a ría de Arousa da marea negra: «Seino, porque eu estaba alí e vino». Con mágoa recoñece que hoxe en día non ocorrería o mesmo: «A loita dos bateeiros contra o Prestige foi irrepetible. Hoxe morreriamos todos, porque non hai unión, cada un vai por libre».

Un futuro incerto

Aínda que se conseguiu o obxectivo de minimizar o impacto do fuel na riqueza da ría de Arousa, Agustín Pose sostén que o sector bateeiro quedou ferido, algo que atribúe ao egoísmo: «Concedéronnos axudas, que realmente eran unha miseria, pero asistín a discusións por 100 euros». A falla de unión que, baixo o seu criterio, pesa sobre o que é un dos piares do eido marítimo, é un dos motivos polos que este boirense estraña tempos pasados. Desde o seu barco, amarrado no peirao de Cabo de Cruz, mira cara un ceo nubrado e comenta que ve esas mesmas nubes negras cando mira cara o futuro dos mexilloeiros: «Precísase unión e líderes fortes».

Non é este o único motivo polo que ten dúbidas sobre o porvir dunha profesión á que se dedicou en corpo e alma. O proceso de atomización que está afectando ao sector nos últimos anos tampouco acaba de convencerlle: «Antes as bateas estaban en mans dun menor número de propietarios e constituían o seu medio de vida, polo que o esforzo na súa defensa era maior. Co tempo, esas propiedades fóronse dividindo, sobre todo polas herdanzas, e cada vez hai menos bateeiros de verdade, porque teñen isto como un complemento da economía familiar».

Agustín Pose, con máis de catro décadas dedicadas ao traballo nas bateas e á loita polo sector, si que se considera un bateeiro de verdade.

Na recta final

Despois de 43 anos traballando nas bateas, Agustín Pose xa empezou a pensar na xubilación. Confía en poñerlle punto e final á súa traxectoria como mexilloeiro dentro de poucos meses. Deixará o negocio nas mans do seu fillo, ao que espera acompañar en algunha travesía, pero desde a ponte: «Nun barco non pode haber dous patróns»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Agustín Pose: «A loita dos bateeiros contra o Prestige é irrepetible. Hoxe morreriamos todos»