Pablo Díaz festexará en Aguiño o Día das Letras Galegas

BARBANZA

IRIA LIS

A asociación Lorenzo Mariño premiará aos pequenos ilustradores

23 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non haberá unha gran celebración con xogos populares, música, inchables e certame de debuxo, como se viña facendo cada 17 de maio en Aguiño, pero a asociación Francisco Lorenzo Mariño non se resiste a seguir conmemorando o Días das Letras Galegas, que nesta ocasión foi adiado ao 31 deste mes por mor do confinamento. A actividade principal será un concerto dirixido ao público infantil a cargo de Pablo Díaz.

O artista recalará na localidade ribeirense ás 18.00 horas co seu último traballo, Coas miñas mans, un espectáculo no que fai fincapé na importancia das mans como elemento de comunicación. Coma sempre, Pablo Díaz chegará disposto a animar a nenos e adultos a arrincarse a cantar e bailar.

As restricións de aforo ditadas pola Consellería de Sanidade obrigan a limitar a 60 o número de espectadores que poderán seguir esta actuación. Os interesados teñen que enviar un correo a aflm.aguinho@gmail.com. O prazo para facelo concluirá ás 14.00 horas do día 30.

Un cento de agasallos

Os nenos que leven ao espectáculo un debuxo alusivo ao Día das Letras Galegas, que nesta ocasión está dedicado a Ricardo Carballo Calero, recibirán como recompensa un estoxo para gardar a súa máscara. Todas as ilustracións serán posteriormente publicadas no Facebook da entidade.

Ese mesmo agasallo será o que recibirán o medio cento de persoas que se sumaron ao certame promovido pola asociación Francisco Lorenzo Mariño durante o confinamento, consistente en facer debuxos co lema Eu quedo na casa. Os participantes nesta iniciativa poderán recoller o obsequio o mesmo día 31, ás 17.30 horas, ou posteriormente no local da entidade, que conta con repartir uns cen agasallos entre as dúas actividades.