A Pobra rescata gravados cun século de historia

A exposición das láminas de «Voces de gesta» amosa os segredos dun libro ilustrado


A vixésimo segunda edición das Xornadas Valle-Inclán arrancaron na Pobra coa apertura dunha exposición integrada polas láminas de Voces de gesta. Tragedia pastoril, un libro do escritor homenaxeado. Trátase de ilustracións asinadas por Ricardo Baroja, Ángel Vivanco, Rafael Penagos, Moyá del Pino, Anselmo Miguel Nieto, Aurelio Arteta e Julio Romero de Torres. O gran valor da mostra radica no emprego, para a reimpresión, das pranchas orixinais, de 1911, propiedade de Xaquín del Valle-Inclán.

«O obxectivo é trasladar o traballo que tiña facer un libro ilustrado a principios do século XX», explicou o director do Museo Valle-Inclán pobrense, Antonio González Millán. Sinalou que a exposición permanecerá aberta ata finais deste ano e, para dala a coñecer, organizaranse visitas guiadas nas que se debullarán tanto as características destas obras como das series de Siro López e Domingo Regueira coas que comparte espazo na sala de iconografía contemporánea habilitada na Torre de Bermúdez.

O acto de inauguración contou coa presenza de Manuel Quizoy Zas, titular de San Martín Imprenta, que se encargou da recreación das láminas, para o que empregou máquinas con máis dun século de historia. Explicou que o proceso foi longo, pois comprendeu a limpeza e axuste dos clixés, a impresión e a realización de correccións, entre outros pasos.

Tamén estivo, no acto que marcou o arranque das xornadas, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen insistiu na necesidade de seguir programando actividades deste tipo: «A cultura é unha actividade segura e hai que animar ás persoas a que volvan participar dela».

Durante a súa visita á vila pobrense, Anxo Lorenzo tivo ocasión de coñecer o pazo do Couto. O rexedor local, Xosé Lois Piñeiro, quixo así amosarlle parte do importante patrimonio co que conta o municipio.

Entre imaxes e palabras

O ciclo dedicado a Valle-Inclán continúa hoxe na Pobra cun monólogo a cargo do actor e director ribeirense Quico Cadaval. Mentres el narra historias inspiradas en Divinas palabras, o pintor Manuel Ayaso realizará unha intervención plástica.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A Pobra rescata gravados cun século de historia