«Noto certa falta de evolución na cultura popular galega»

ENCARNA PEGO

BARBANZA

ABRALDES

É un home de consenso que sabe aglutinar á veciñanzaRamón Sampedro Muñiz Dinamizador social

17 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Temos hoxe de convidado un gran conversador, un home tranquilo pero inquieto, de gran sensibilidade coas persoas que trata, co patrimonio, a natureza e coa arte. Un home de consenso que sabe aglutinar, e aglutina, a veciñanza en actividades que el organiza en detalle, e nas que participan gran parte dos veciños. Recolle lendas e tradicións da aldea e da parroquia. Non aspira a ser especialista nun tema, pero toca moitos paus. Está a revisar diversos libros de toponimia que lle poidan achegar luz sobre as orixes dos nomes de lugares da contorna. Ningún tema do pobo lle é alleo. Destaca pola súa implicación social e o fomento do asociacionismo e do deporte popular, asuntos todos confinados e pausados por esta pandemia da covid-19 que segue a asolarnos.

?Cando empezaches coas asociacións?

-Fundamos en Frións polo 1990 o colectivo Bexairos d´Aquives, onde se impartiron cursos de xerga (había moitos descendentes de canteiros) coa idea de que non se perdese ese coñecemento. Fixemos tamén algunha viaxe (como a de Esgos, que lembra relacionándoo con Romasanta), que os viaxeiros apreciaron moito. En Bexairos había matrimonios e moita rapazada, e organizabamos, entre o 92 e o 98, a festa de San Roque, as mellores festas despois das de Ribeira. Nós levamos bandas de gaitas, orquestras, foguetes, e a parte gastronómica: polbo de balde preparado polos asociados. Ata o cómico Farruco! Logo, actividades lúdico-deportivas: xincanas, crono-escalada, partidos de fútbol (50 contra 50). A primeira vez que nos presentamos cunha murga, con música de Siniestro Total, ganamos. E todo isto, usando e potenciando a nosa lingua que, como sabemos, comunica e transmite emocións e sentimentos, con precisión e de xeito único.

?E coas andainas?

-Sobre o ano 2000. Botou a andar co club de montaña de Fontiñas, que facían rutas para liberar estrés, e alí ocorréuseme encher de contido cultural e didáctico eses roteiros, elixindo ben os itinerarios, e informando de etnografía, flora, paisaxe, toponimia, cultura, etcétera. Logo, en Ribeira, a primeira vez fomos á andaina 4 persoas; despois, un grupo xeitoso. Hoxe convertémonos nun referente para os novos organizadores destas probas: na eliminación de botellas de plástico, na reutilización das fitas (de tea, a semellanza de Portugal)...

?Fálanos da Asociación de Veciños de Carreira.

-Esta asociación vén organizando diversas actividades: pandeireta, baile, pilates, costura... e facemos unha murga todos os anos. Eu levo o taller da memoria, que me permite coñecer o perfil das persoas, con traballos para exercitar as neuronas, relaxación, recitado de poemas, risoterapia, recollida de fotos antigas, etcétera., pero o que máis me gusta é propiciar a charla para que falen. Eu escoito e aprendo. No 2017, terceiro centenario da parroquia de Carreira, fixemos un concerto de música clásica na igrexa, dunha acústica especial, e a resposta foi marabillosa; dende entón facemos un cada ano. Organizamos ciclos de conferencias de historiadores (José Antonio Fernández, Daniel Bravo, Javier Crugeiras, Juan Fco. Ramallo...), os premios ao Carreirán de Honra e do Ano, a Carreira da Guía, a Muiñada de Amendo (con poemas, contos, carreira de orientación, comida campestre, música e batalla muiñeira). E botamos a andar muíños moitos anos esquecidos. Actividades todas de carácter familiar.

?Cultura culta ou popular?

?As dúas. Gústame a poesía, e todo tipo de música, clásica e moderna. Suso Vaamonde (Como hei vivir mañá sen a luz túa?), Vizcaíno (Serendipia)... Noto certa falta de evolución na cultura popular galega, que a normalicen: un Xabarín Club, unha serie coma Dallas en galego, os partidos do Dépor ou Celta retransmitidos en galego. A rapazada ten videoxogos en inglés e non en galego. A cultura de tradición oral está a morrer. A historia de Carreira non só é a que dorme nos arquivos municipais e nos da igrexa parroquial. Había que escoitar os vellos, os que verdadeiramente saben, que contaban (e inda contan), cousas de antano, que recuperan a pequena historia de todos os días, de aquí: as nosas raíces, a memoria que é de todos. Algo escribo desas cousas, como as historias de velorios, sucesos, anécdotas parroquiais, etcétera.

?Tés inda tempo para outras actividades?

?Hobbys téñoos todos: á parte das actividades frecuentes enumeradas anteriormente, recoller historias, escribir relatos... O tema d´O Camiño de Santiago, as Orixes -acompañamento do corpo do apóstolo desde Corrubedo, entrando pola boca da ría cara a Santiago- interésame enormemente, por canto fai desta zona a primeira da Península que viu esa barca. Ademais, temos o Outeiro de Santiago, en Corrubedo, e outros elementos patrimoniais vinculados ao Camiño. E, entre o máis urxente, teño agora pendente facer un curso de fotografía, para tirarlle partido á nova cámara. A ver o que sae.

ILUSTRACIÓN ABRALDES