Man e bolígrafo

ANTONIO PIÑEIRO

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

17 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A man e o bolígrafo, dúas cousas que inmediatamente nos traen a idea do trazo, do esbozo e do debuxo; do xesto artístico puro.

Ultimamente vexo moito o mestre, Manuel Ayaso, debuxar así. Velo é comprender nun instante o impulso emocional da arte. Dirixe ao papel unha ollada precisa e azul mentres che fala. Mentres te escoita. Coma se nós, os nosos pensamentos, fósemos a súa paisaxe. E da conversa sae un híbrido, unha talla imaxineira con pano e patela, un trasgo de pés enraizados, unha anciá mariscadora tecida nun escapulario ou un astro que sorrí. Algo que estaba aí, entre a súa fantasía e a nosa, e que el rapidamente captura entre as palabras e a tinta do bolígrafo.

Un dos aspectos que máis me admiran nel é o da espontaneidade. Non se corta ante a fugacidade dun minuto, a brevidade da marxe dunha páxina ou un pousavasos. Pero isto do papel de mesa, que sempre foi costume entre debuxantes e pintores, adquire en Ayaso un carácter capitalísimo. Faino coma se o tempo fose o seu caderno de bosquexos. Ensinoume que unha representación xurdida dun impulso contén xa todo o sentido da pintura. E que ten probablemente máis forza que unha obra meditada. A espontaneidade achega ao trazo a pureza que o razoamento quita á imaxinación. Algo así debe de ser, segundo desprendo dos consellos que aos poucos vai deixando nesas conversas.

Creo que Manuel Ayaso está metido agora mesmo na súa nova e máis rica etapa. Dígoo sen dubidar. Creo que será unha serie intensa, extensa, e interesantísima desde o punto de vista da análise da súa personalidade artística. E está creándoa, ademais de no seu estudo, tamén a rotulador e bolígrafo. Refírome, claro, a este, ao bolígrafo da inmediatez que intento explicar aquí. Ao que debuxa sobre a marcha dos días e os momentos. Porque Manuel subiu as persianas creativas do seu taller para traballar nun taller novo, diáfano, aberto. Un lugar polo que vaian pasando as miradas e as complicidades de cuxa compañía tanto gusta. Un escenario no que xa se van mesturando as técnicas do oficio cos acentos emocionais que lle son tan propios.

Falo das sensacións cotiás, dun saúdo, dos afectos, duns pasos rutineiros, da ilusión, da amizade, da veciñanza, dun café con leite ou dun tapete. Aí, entre os trastes de levar o día, mete conceptos, caracteriza personaxes e dá toda unha filosofía da arte.

Si, coido que Ayaso está a traer a universalidade ao intre dun rueiro cotián. Poida que fose sempre así. Que esa sexa unha das claves da súa obra. E de aí é de onde escollo a súa proclama da imaxinación.

Dito con apaixonamento: deixa que a imaxinación guíe a túa man. Déixaa libre. Aprendín iso, e é moito, da súa cátedra tamén aberta. Dese xeito é como na túa obra, pola man e o bolígrafo, polo xesto de arte pura, estarás ti mesmo.

Ayaso subiu as persianas creativas do seu taller FOTo C. Q.