A moda de amontoar pedras en lugares sobranceiros é un fenómeno aparentemente inocuo feito por persoas anónimas que pretenden facer unha intervención artística colectiva no medio natural.

Pero... ten consecuencias. Un montonciño de pedras non fai mal ningún, pero a proliferación destes milladoiros hipster modifica gravemente os procesos erosivos e perturba significativamente a flora e a fauna local. Como en tantas outras ocasións, unha acción humana aparentemente trivial altera o medio ambiente sen pretendelo.

Os humanos temos unha necesidade atávica de transformar a paisaxe. Forma parte do proceso evolutivo que nos fixo como somos. Unha gran parte do noso éxito como especie consiste precisamente niso. Así puidemos chegar a colonizar ata os hábitat máis hostís do planeta. A transformación das sociedades de cazadores-colectores nómades en sociedades de agricultores sedentarios cambiou radicalmente o modo de vida dos nosos devanceiros. Foi un enorme avance en termos demográficos, tecnolóxicos e culturais.

Pero... tivemos que pagar un alto prezo en termos de saúde individual. Antes, os homes europeos medían de media 176 centímetros e as mulleres 163. Tiñan unha esperanza de vida de 35 anos e non era infrecuente que moitas persoas chegasen a cumprir 70 anos. Despois de se instalaren en poboados estables, a estatura media baixou 13 centímetros e a mortalidade aumentou escandalosamente. A esperanza de vida caeu dramaticamente e non volveu recuperarse ata o século XIX co desenvolvemento da sanidade pública. A dieta fíxose tan monótona, abundante en cereais e escasa en froitas e verduras frescas que a carie -unha infección dental practicamente inexistente antes- aumentou considerablemente tras este cambio de hábitos alimentarios.

Grupos burbulla

Por outra parte, os grupos poboacionais pasaron de 100-300 individuos a miles. Como consecuencia disparouse a incidencia das enfermidades infecto-contaxiosas. As sociedades nómades actuaban como «grupos burbulla» a efectos epidemiolóxicos porque os gromos infecciosos tiñan poucas probabilidades de afectar outros grupos.

Co desenvolvemento das rutas comerciais, os microbios comezaron a estenderse lonxe dos seus lugares de orixe. Son ben coñecidas as tres epidemias de peste negra, a primeira en tempos de Xustiniano (s. IV), a segunda na idade media (entre 1340 e 1400) e a terceira a mediados do século XIX, restrinxida a China, onde está a súa orixe, e ao sueste asiático.

Hoxe, a globalización creou un contexto económico, político e social sen precedentes na historia. Alén de certos problemas que non veñen agora ao caso, os beneficios da globalización son inmensos.

Pero... nada é gratis. O inmenso fluxo de pasaxeiros e mercadorías que circula por todo o orbe posibilita que os patóxenos e os seus vectores poidan desprazarse miles de quilómetros en poucas horas.

Superada a gripe de 1918, parecía que as pandemias eran cousa do pasado. Os antibióticos e as vacinas semellaban instrumentos suficientes para despreocuparnos dos microbios.

Pero... o 5 de xuño de 1981 chegou a sida. Unha epidemia perturbadora que nos obrigou a mirar doutro xeito as enfermidades emerxentes, porque despois viñeron o ébola, o MERS, o SARS-1 e estes días o SARS-Cov2.

Onde se orixinan estas enfermidades emerxentes e reemerxentes? Por que aparecen? Por que se estenden tan rápido? É posible que veñan outras? Serán máis mortíferas? No próximo artigo intentaremos contestar estas cuestións.

Amontoar pedras en lugares sobranceiros altera o medio ambiente FOTo jesús suárez ares

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Nada é gratis