Valle-Inclán cobrará vida sobre as táboas na Pobra

BARBANZA

MARCOS CREO

O teatro é o eixo dun ciclo que arrancará coa apertura dunha exposición de láminas con máis dun século de historia

14 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai 22 anos, A Pobra vén promovendo unhas xornadas co fin de renderlle homenaxe a Valle-Inclán e divulgar a súa obra. Aínda que con cambios, orientados a adaptar as actividades á normativa en materia de seguridade, o ciclo manterase nesta ocasión, na que terá unha importancia especial o teatro.

As xornadas arrancarán este venres (Museo Valle-Inclán, 20.00 horas) cunha das actividades máis destacadas do programa deste ano: a inauguración dunha exposición integrada por ilustracións e motivos ornamentais que acompañan os textos do creador do esperpento no libro Voces de gesta. Son láminas que foron impresas entre os anos 1911 e 1912 e que agora se volveron a reproducir empregando as pranchas orixinais, que son propiedade de Xaquín del Valle-Inclán, e tamén máquinas que teñen máis dun cento de anos de antigüidade e que pertenceron á imprenta San Martín de Compostela.

As obras están asinadas por Ricardo Baroja, Ángel Vivanco, Rafael Penagos, Moyá del Pino, Anselmo Miguel Nieto, Aurelio Arteta e Julio Romero de Torres. A idea é que a exposición viaxe despois por outras localidades de Galicia. Así llo expuxo o director do museo pobrense, Antonio González Millán, ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que respondeu afirmativamente e mesmo se comprometeu a estar no acto de inauguración.

O domingo (teatro Elma, 20.00 horas) terá lugar a primeira cita escénica, un monólogo a cargo de Quico Cadaval inspirado na obra Divinas palabras, que se completará cunha intervención plástica do pintor ribeirense Manuel Ayaso.

Despois da conferencia que Xaquín del Valle-Inclán ofrecerá o 23 sobre o libro La reina castiza, o teatro regresará da man da compañía Tatana, que botará man desa mesma obra para traer ao presente unha farsa do escritor.

O 25 será Teatro del Norte, unha agrupación de Asturias, a que recale na Pobra para amosar sobre o escenario a relación existente entre Valle-Inclán e García Lorca, os dous grandes renovadores do teatro español do século XX.

A ofrenda, o día 31

A música tradicional tamén estará presente nesta edición das xornadas, coa ruada que levarán a cabo os Caraveiros o día 30. Precederá á ofrenda cívica que terá lugar no Cantón da Leña esa mesma xornada, que culminará coa presentación da publicación As Letras Galegas en caricatura (1963-2020), de Héitor Picallo.

O teatro regresará para pechar as xornadas deste ano. Baixo a dirección de Patricia López, os actores e músicos de Eiradela tomarán o 31 a Torre de Bermúdez e os seus arredores co fin de representar pezas inspiradas en tres textos de Valle-Inclán: Un cabecilla, Divinas palabras e Luces de Bohemia.

Todas estas actividades están recollidas nun cartel ilustrado por Fausto Isorna. Para participar en calquera delas é necesario inscribirse chamando ao 981 843 280 (extensión 2014).