O Teatro Airiños volve aos escenarios en formato reducido

La Voz

BARBANZA

DANI GESTOSO

Ofrecerá en Rianxo dous pases de «Cataturxia»

07 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de oito décadas de vida dan para moito, tamén para superar unha pandemia mundial. Como non podía ser doutra forma, o Teatro Airiños volve subirse aos escenarios e faino, por suposto, sobre as táboas rianxeiras. O auditorio municipal da vila acollerá esta fin de semana dous pases de Cataturxia, unha lectura dramatizada de textos do teatro contemporáneo en formato reducido. En escena estarán só un par de actores da compañía ao mesmo tempo.

Serán dúas propostas nunha. «Cada día leremos obras diferentes», explica a directora de Airiños, Amantia Coello. O venres a partir das 21.00 horas representarán unha escolma de textos seleccionados do Torneo de Dramaturxia de Galicia, «todos eles conectados a través do seu corte humorístico». Serán Caída libre, de Xosé Prieto; Facha, eu, de Ana Carreira; Os arroaces son animais sucios e desesperados, de Avelina Pérez; e Faraona, de Carmen Conde.

O segundo prato servirase o sábado á mesma hora e contará coa presenza dos dramaturgos Esther F. Carrodeguas e Carlos Labraña, que presentarán ao público as súas obras Play e Alzheimer, respectivamente. O espectáculo completarase coa lectura de Por exemplo, Biona, de Roi Vidal.

Con reserva previa

«Esta non é unha función en si mesma. Pero, despois de intentar adaptar a peza coa que estabamos xirando -Unha primavera para Aldara-, valoramos esta posibilidade como a máis factible e segura», conta Coello. A directora espera que no Nadal poidan retomar as tradicionais Veladas de inverno.

As entradas para ser testemuños deste esperado regreso da compañía rianxeira son gratuítas e todo aquel que queira acudir debe reservar a súa localidade en auditorio@concelloderianxo.gal ou no teléfono 664 183 217.