A outra cara do boirense Mario Brión

laura m. gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cedida

Remeiro e xestor de redes sociais, é unha das revelacións galegas en YouTube

07 oct 2020 . Actualizado a las 10:10 h.

Para preguntarlle a un millennial a que se dedica, hai que estar preparado para unha resposta longa e un tanto imprecisa. Profesionalmente, pódese dicir que Mario Brión é xestor de redes sociais. «Pago autónomos», aclara. Aínda que no seu Boiro natal é máis coñecido por ser un dos remeiros do club de Cabo da Cruz. Por se isto fose pouco, este barbancés nacido en 1994 estase a converter nunha das revelacións galegas da plataforma YouTube.

Publicou o seu primeiro vídeo hai pouco máis de dous anos, pero a Olaxonmario -como é coñecido nas redes sociais- xa lle deu tempo a falar dunha chea de cousas: novas masculinidades, feminismo, dos Heredeiros da Crus, reguetón, o humor do Land Rober, Sin Chan e, por suposto, «el gaiego», a forma irónica coa que o boirense se refire ao idioma. Aínda que os seus inicios non foron nada pretensiosos. Brión case que comezou en YouTube por comodidade. «Eu vía que, cando expresaba as miñas opinións e ideas, a xente me prestaba atención. Estaba canso de ir repetindo e repensando os meus discursos unha e outra vez», explica o boirense. Así que creou unha canle na plataforma de vídeo máis importante do mundo para que todos o puideran ver.

Farta de non ser lloutuber foi a súa primeira publicación. Mais que un comezo, agora parece unha declaración de intencións. Mario Brión quería ser youtuber e non só o está conseguindo, senón que se está convertendo nun dos creadores de contidos galegos e en galego máis relevantes do panorama actual. As cifras falan por si mesmas. Roza os 3.000 subscritores e os seus vídeos acumulan miles de visualizacións cada un. O máis visto, unha reacción ao último anuncio dun coñecido supermercado galego, conta con máis de 13.000 visitas.

E porque se decidiu a facer contido na nosa lingua? «Non parte dunha decisión totalmente consciente, senón máis ben arbitraria. Que eu fale un idioma determinado e colla elementos culturais ou da sociedade galega é simplemente porque me tocou vivir aquí», explica Brión. Con todo, si percibe unha falta de propostas coma a súa na rede.

Contidos en galego

Por iso, entre gravación e gravación, tamén fixo oco para unha sección con invitados denominada Creadoras milenials galegas, unha serie de vídeos onde conversa con rapazas e rapaces que crean contido en galego. Por ela xa pasaron outros barbanceses, como o tamén youtuber Aquel-e, o produtor Adrián González ou as cantantes do dúo Blanca e Tinta. «Esta sección naceu para dar visibilidade ao traballo destes creadores, pero tamén para obrigarme a min mesmo a consumir este tipo de cultura», afirma o boirense. Porque asegura que non é sinxelo chegar a eles, nin sequera para alguén do medio coma el. «Para conseguir que a xente te vexa, os contidos teñen que ter un mínimo de calidade: Pero para acadar iso, ten que haber detrás unha estrutura onde apoiarse», conta.

Se por algo se caracterizan os seus vídeos é polo humor, «é a arma máis poderosa», e por unha linguaxe propia que, afirma, non é artificial. «Pregúntame moita xente se interpreto unha personaxe, porque teño unha forma curiosa de falar, pero a realidade é que eu falo así no meu día a día. Agora que o vexo con perspectiva, creo que tamén é algo que me axuda a facer máis entretidas as cousas que expreso», explica Brión.

O seu éxito na rede valeulle a Brión algún que outro hater, usuarios da plataforma que critican o seu contido, pero que acaban perdéndose na inmensidade de comentarios positivos que recibe, moitos deles mesmo en persoa: «Fáiseme moi estraño cando xente que non coñezo me fala porque ve os meus vídeos. Non teñen nada mellor que facer?».

O máis visto. En apenas dous anos, está preto dos 3.000 subscritores e o seu vídeo máis popular conta con máis de 13.000 visualizacións.

Creadores. Na súa canle de YouTube, Brión ofrece unha sección na que conversa con creadores de contido galegos e en galego.