Agustín Agra: A pluma que volve para afondar na ciencia

Logo de cinco anos de silencio literario, o noiés regresa cun libro de relatos cos que busca explicar a influencia que tiveron na evolución humana os grandes investigadores


Con máis de media ducia de obras publicadas, algunhas merecedoras de importantes galardóns, como O tesouro da lagoa de Reid’Is, que obtivo o Premio Merlín no 2006, Agustín Agra abriu hai un lustro unha paréntese na súa traxectoria como escritor. Agora, a prodixiosa pluma de Noia regresa con Silencio para afondar na historia da ciencia ofrecendo, baixo o paraugas da Editorial Galaxia, un monllo de relatos cos que busca explicar quen está detrás do que somos e do que pensamos.

O título do libro nada ten que ver con eses cinco anos de silencio literario de Agra. De feito, nunca existiu un período de inactividade na súa traxectoria de escritor: «Ese foi o tempo que me levou darlle forma a esta obra, que é moi ambiciosa». Explica que pasou dous anos lendo, aprendendo, collendo apuntes e tratando de cadrar a temática, ata construír un texto no que van aparecendo, de forma cronolóxica, importantes científicos como Louis Pasteur, Galileo ou Charles Darwin.

Neste longo proceso de aprendizaxe propia, houbo importantes descubrimentos que chamaron a atención do escritor noiés: «O que máis, os papeis ocultos. A muller de Lavoisier, considerado o pai da química moderna, tamén era científica coma el e xogou un papel fundamental na súa traxectoria». O traballo de investigación converteuse para el nunha loita por derrubar a ignorancia ben entendida: «Tratei de arroxar luz sobre como fomos pasando de animais primitivos co don da curiosidade ata o que somos hoxe en día».

O resultado, segundo confirma o propio Agra, é un libro de narrativa que, en primeira instancia, vai dirixido a el mesmo: «Tentei explicarme o mundo». Pero que tamén está enfocado aos seus alumnos (o escritor é mestre no instituto A Cachada de Boiro): «Quixen transmitirlles que chegamos ata aquí e somos quen somos polos grandes pensadores. Sen eles seriamos totalmente distintos». Engade que non se conformou con fixarse na achega que lle fixeron ao mundo da ciencia, senón que tamén afondou na súa faceta humana.

Para case todos os públicos

Por iso, o noiés está convencido de que o seu Silencio ten, ao longo das 135 páxinas nas que se integran oito relatos, varios niveis de lectura: «É moi adecuado para estudantes a partir de cuarto da ESO, pero desde aí, é válido para persoas de calquera idade». Deixa claro que se trata dun libro de narrativa: «O fío condutor son científicos, case todos personaxes reais, pero é un libro de ficción».

Con esa obra, Agustín Agra volve ás orixes, como el mesmo confesa, pois a súa traxectoria literaria principiou hai 11 anos cun libro de relatos para adultos, aínda que despois se dedicou á narrativa infantil e xuvenil. Asegura que non hai motivo algún que explique este regreso: «O texto é o que vai pedindo unha idade determinada como público de destino, non é algo que estea premeditado».

Logo desta reaparición, que se produce despois de que no 2015 publicara con Kalandraka Cor animal, o autor de Noia non parece disposto a deixar pasar outros cinco anos para o lanzamento do seu vindeiro volume. Ten, de feito, dous proxectos enriba da mesa, incluso bastante adiantados: «Silencio naceu como unha novela que despois se converteu nun conxunto de oito relatos, pero desa árbore principal saen outras dúas pólas, unha novela longa e outra curta».

Agustín Agra non se aventura a dicir cal das dúas estará primeiro a disposición dos lectores: «O corpo vaime pedindo unha cousa ou outra e eu traballo en función diso. Agora mesmo, a curta está a medias e a longa vai máis avanzada, pero postergada. Estou deixando que madure axeitadamente».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Agustín Agra: A pluma que volve para afondar na ciencia